O científico nonoxenario James Lovelock é o autor deste exitoso libro que nos presenta a un planeta Terra canso e falto de saúde.Este científico acompañado da incomparable Lynn Margulis postulou nos anos 70 a hipótese Gaia que logo se convertería na Teoría de Gaia. Precisamente desta Teoría fálanos o libro: A Terra é unha entidade complexa, formada pola Xeosfera, Atmosfera, Hidrosfera e Biosfera. Todos estes compoñentes interactúan entre si mantendo un equilibrio coma se fosen as diversas partes dun organismo grande e complexo.
Ademais Lovelock expón que a situación actual fóisenos das mans. Non é que a Terra vaia saltar polo aire como nos quere facer ver a portada do libro, pero a Biosfera está seriamente danada e é cando nos toca a nós pór medidas para evitar unha maior degradación. Afirma que coa subida gradual das temperaturas non só se desconxelarán os Polos senón que tamén, por mor disto, subirá o nivel do mar; polo que quedarán sepultados baixo as augas algúns territorios.
Algúns destes cambios xa poden ser vistos na actualidade, e non cabe dúbida de que se agravarán co paso do tempo. Para evitar isto sería necesario contaminar menos mediante medidas como: o uso de enerxías renovables ou menos contaminantes, menor talla de árbores que son sumidoiros de CO2, incrementar o uso de transporte público, etc.
Para iso Lovelock fai un repaso por todas as enerxías que existen na realidade dando o seu apoio á enerxía nuclear. Mantén que esta enerxía é o futuro do planeta, pois produce contaminación cero e dela podemos obter gran cantidade de enerxía. Ao perigo responde con exemplo de Chernobyl, argumentando que os mortos cuantificados nesta catástrofe foron menos do que en realidade se deu a coñecer. No entanto, Lovelock non dubida do limpas que poden chegar a ser enerxías como a eólica ou a solar pero, reivindica que a enerxía nuclear é a única que pode aguantar o consumo dos habitantes do planeta sen emisións de CO2.
Aos que crían que os biocombustibles substituirían ao petróleo como combustible, o científico, bótalles un xerro de auga fría. Necesitaríanse 2-3 GTm de carbono en forma de biocombustibles para substituír o petróleo no transporte, fronte ás 0,5 GTm de carbono que empregamos como alimento. Isto significa que deberiamos multiplicar por seis a superficie que actualmente dedicamos á agricultura e o equilibrio do planeta non o soportaría. De feito, Lovelock propón noutro capítulo do libro reducir a superficie cultivada do planeta sintetizando alimentos para animais de granxa. Os biocombustibles serían interesantes se se obtivesen de residuos vexetais pero deixarían de selo se lles habilitamos novas zonas de cultivo.
Lovelock considera a enerxía nuclear como a solución aos nosos problemas de enerxía. Ata que sexa tecnicamente viable debe considerarse utilizar esta enerxía como fonte de enerxía transitoria, complementada con enerxía hidroeléctrica e solar.
Por conseguinte, podemos cualificar este libro como manual para mellorar as condicións do planeta mediante o uso responsable de recursos e enerxías. Non se trata dun libro escrito para científicos senón que contén explicacións e linguaxe extensible a toda a poboación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario