luns, 24 de maio de 2010

"El símbolo perdido" de Dan Brown... por Merche Carballo

O Símbolo Perdido (The Lost Symbol) é unha novela de ficción de Dan Brown protagonizado polo profesor de simboloxía e de historia da arte, Robert Langdon. O libro foi publicado o 15 de setembro de 2009 en inglés e o 29 de outubro en español. Durante o seu primeiro día de vendas venderonse un millón de copias, incluíndo libros electrónicos, en Canadá, Estados Unidos e o Reino Unido. A produtora Columbia Pictures xa comprou os dereitos cinematográficos deste libro, o que pecharía a triloxía na gran pantalla de Robert Langdon. Aínda que prevista con anterioridade, Dan Brown necesitou seis anos para escribila. O argumento transcorre nun mínimo período de tempo; 12 horas. Transcorrendo en Washington, D.C. e a trama está baseada nunha conspiración francmasónica.
*Argumento: Robert Langdon é convocado para dar unha conferencia na sala máis importante do Capitolio dos Estados Unidos. Crendo que quen a solicitou é o seu vello amigo, masón e mentor Peter Solomon,acude á cita. Ao chegar alí Langdon descobre que Solomon foi secuestrado por alguén que quere descubrir un antigo misterio, un misterio que se sae á luz podería pór en perigo ao mundo enteiro. Axudado, entre outros, pola irmá científica de Solomon, Katherine, Langdon terá as horas contadas para desvelar o misterio e poder así salvar a vida do seu amigo.
*Personaxes principais:
-Robert Langdon é o protagonista da historia. O profesor de simboloxía de Harvard, xa con 46 anos, vese envolvido nesta aventura despois de que o seu amigo Peter Solomon sexa secuestrado. Só el ten a clave para salvalo.
-Katherine Solomon é a irmá do secuestrado, ademais dunha brillante científica que está a descubrir importantes temas relacionados coa ciencia noética. Axudará ao seu amigo Langdon, pondo a súa vida en perigo.
-Peter Solomon é un vello amigo e mentor de Langdon, ademais de ser o xefe dunha importante loxia masónica. A súa vida vese en perigo cando alguén quere que lle desvele o segredo máis importante da masonería e, posiblemente, do mundo enteiro.
-Mal'akh é o antagonista da historia. Despois de descubrir que Peter Solomon posúe as claves para desvelar o maior secreto da humanidade, non dubidará en utilizar os recursos necesarios para sabelo. Garda un segredo de importancia, motivo polo cal pon en perigo a vida do resto de protagonistas. Sendo recluído dunha prisión de Istambul (Turquía) coñeceu a existencia do devandito segredo e, unha vez libre, preparouse física e mentalmente para ser posuidor del. É musculoso e ten tatuada a maior parte do seu corpo, agás unha zona do cranio onde pretende plasmar o símbolo.
-Warren Bellamy é a máxima autoridade administrativa do Capitolio, coñecido como O Arquitecto. Axudará a Langdon e Katherine na procura de Solomon, posto que el tamén é un masón de alto rango.
-Deán Galloway é un membro da Igrexa cego que coñece certos misterios masónicos, posto que el tamén é membro deles.

O proxecto de película deste libro xa está en marcha. Estrearase no ano 2012. Segundo algunhas fontes a película poderiase chamar "El Código Da Vinci 3 " ou "Angeles y Demonios 2". Esperemos que sexa tan boa como o libro e que Dan Brown non nos decepcione con este "best-seller".

Publicado por Merche Carballo para o Club de lectura "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES Otero Pedrayo.

sábado, 22 de maio de 2010

“O mundo e os seus demos” de Carl Sagan... por Lucy Villar Whyte.

A ciencia como unha luz na escuridade.

 "Sempre que afloran os prexuízos étnicos ou nacionais, en tempos de escaseza, cando se desafía á autoestima ou vigor nacional, cando sufrimos polo noso insignificante papel e significado cósmico ou cando ferve o fanatismo o noso arredor, os hábitos de pensamento familiares de épocas antigas collen o control. A chama da vela pestanexa. Treme a súa pequena fonte de luz. Aumenta a escuridade. Os demos empezan a axitarse”.

Carl Sagan. Seguramente, non é a primeira vez que oídes falar del. Ben sexa polos seus libros, pola súa extraordinaria serie documental de divulgación científica “Cosmos”, como inspiración para outras persoas ou ben polas súas crenzas na vida extraterrestre, entre outras cousas. Naceu en Estados Unidos e foi un pioneiro e popular astrónomo, exobiólogo, físico e divulgador científico en todo o mundo. En recoñecemento do seu labor científico fóronlle outorgados numerosos premios polas súas aportacións ao pensamento humano. Entre eles, a medalla da NASA en dúas ocasións e o galardón máis importante da Academia Nacional de Ciencias de Estados Unidos: a medalla ao mérito público (Public Welfare Medal). No ano 1980 é cando presentará a serie televisiva “Cosmos”, composta por trece capítulos que darían lugar ao libro do mesmo nome, líder de vendas en 60 países converténdose así no libro de ciencia máis vendido do século pasado. Numerosos premios queren recordar hoxe en día o que unha vez este home deulle á humanidade, e, por iso unha asociación como a Division de Ciencias Planetarias (DPS) da Asociacion Astronómica Americana (AAS) outorgan ano tras ano unha medalla que leva o seu nome, ao mérito da divulgación científica en ciencias planetarias, é a Medalla Sagan. Así mesmo, quíxoselle homenaxear dándolle o seu nome ao lugar de aterraxe da Mars Pathfinder no seu planeta máis botado de menos despois da Terra, Marte. O lugar recordarase sempre como a Estacion Carl Sagan Memorial. O asteroide 2709 Sagan tamén recibe o seu nome....

Obxectivo do libro. Poucos meses antes da súa morte Carl Sagan publica “O mundo e os seus demos” como testamento, o mensaxe final para un mundo sumerxido cada vez máis na superstición. Deixa ben claro o que significa ciencia e mostranos que a verdade pode ser tan sorprendente, pero moito máis fiábel, como os falsos prodixios basados na relixión, nas supersticións, nos mitos ou, simplemente, na ingnorancia.
Destaca a necesidade de posuír uns coñecementos científicos mínimos para poder combater os demos que nos axexan dende moitas frontes, un deles o das chamadas paraciencias. Sagan incita ao pensamento crítico e ao escepticismo, axustándose á idea de Goethe de que “non hai nada máis triste que a ignorancia en acción”. A segunda parte do título do libro compara a ciencia cunha vela que ilumina a escuridade, que é a ignorancia; cre, como di un proverbio inglés, que cando se está a escuras é mellor acender unha vela que proferir unha maldición.

Respecto á estrutura do libro… Aínda que os capítulos do libro poden lerse como unidades de información sen unha orde predeterminada, hai certa coherencia na orde en que están distribuídos.
Vai dende referencias autobiográficas onde mostra o seu lado humano ao lector ata desmonta algúns mitos sobre temas que tiveron enganada a poboación, como a presenza de ovnis e extraterrestes que practican «abducións» a pacíficos habitantes do noso planeta, seducen mulleres e deixan as pegadas do seu paso pola Terra en forma de círculos sobre as sementeiras; os falsos poderes de curandeiros e as presuntas propiedades curativas do magnetismo; os supostos beneficios da meditación transcendental e das doutrinas da Nova Era; a aparente base científica da astroloxía; a hipotética presenza entre nós de endemoñados e bruxas e dos espíritos das persoas falecidas, etc. Sagan móstranos logo o camiño para que saibamos descubrir a falacia e desmontar enganos, xa que non hai campo da ciencia que non teña o seu complemento pseudocientífico.
Dedica uns capítulos dedicados á educación científica (dous deles escritos en colaboración coa súa segunda esposa, Ann Druyan), a comunicación da ciencia e a visión do científico por parte da sociedade. Advirte dos perigos do analfabetismo científico, cuxas consecuencias poden ser moito máis perigosas agora que en calquera outro momento da historia. Cre que o ser humano ten unha inclinación pola ciencia e que afastar dela os nenos é privalos dun dereito e despoxalos das ferramentas necesarias para manexar o seu futuro. Propón algunhas solucións para mellorar a comprensión da ciencia e, coñecedor do gran poder da televisión pola súa propia experiencia coa serie «Cosmos», suxire este medio como o sitio ideal para comenzar.
Os dous últimos capítulos encerran un contido político. Aínda que deixa claro que a política non é unha ciencia, unha actitude escéptica pode ser conveniente. E a política pode ás veces beneficiarse do método científico. A súa mensaxe final é o desexo que os cidadáns de calquera país se formen no método científico e na democracia.

A miña valoración polo tanto é… Esta estructura en partes diferenciadas e sen seguir realmente unha orde determinada resultoume unha forma amena, interesante e vivaz de ler un libro de gran interese e densidade en contidos coma este. “O mundo e os seus demos” dannos explicacións lóxicas, fainos honestos, fainos adoptar unha actitude crítica e ver a vida con escepticismo.
Quedeime sobre todo cun fragmento do libro que me chamara moito a atención: "Na ciencia adoita acontecer que un científico diga `é un bo argumento, eu estaba equivocado´, cambie de opinión e dende ese momento non se volva mencionar a antiga posición. Realmente pasa. Aínda que non tan frecuentemente como debería xa que os científicos son humanos e, o cambio é, ás veces, doloroso. Pero acontece cada día. Non recordo a última vez que algo así pasara na política, na relixión ou nas pseudociencias".
Carl Sagan ten coidado en nunca atacar as persoas que manteñen esas crenzas. Como ser humano comprende as necesidades humanas de entender o mundo (aínda que sexa simplificándoo ata facelo irrecoñecible) e de transcendencia (aínda que sexa supoñendo estrañas influencias de certos astros). Este admite que lle gustaría crer que dalgunha forma unha parte dos seus pais segue viva. Pero tamén deixa claro que dende o seu punto de vista un consolo ilusorio non é consolo.

Le este libro se… sintes curiosidade. Curiosidade polo mundo que nos rodea, o noso pensamento, a nosa sociedade… Este libro, na miña opinión, vaiche abrir a mente, quitarache o velo dos ollos e verás un pouco máis alá das cousas, buscando o porqué e o seu sentido. Como xa dixen, é un libro denso en contidos pero narrado dunha forma vivaz, cautivadora e que ao rematar de lelo aínda queres máis, máis reflexións, máis explicacións lóxicas e fantásticas que nos da Carl Sagan. Anímovos a lelo, realmente merece a pena e logo xa comentaredes que vos pareceu! É unha pena, pero non puiden mercalo porque xa non quedaban, a última edición foi no 2005, pero podédelo descargar en internet en formato PDF ou en calquera biblioteca da cidade atoparédelo. Serva de despedida e recordo esta cita do autor:
“Dámoslle sentido ao mundo pola valentía
das nosas preguntas e pola profundidade das nosas respostas”.

Publicado por Lucy Villar Whyte para o club de lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense: "Ai, Ptolomeo, tolo meu".

martes, 11 de maio de 2010

"Os celtas: artistas e bardos" de Andrew Brown ... por Raquel Losada

 O obxectivo do libro é mostrarnos ós celtas dende outra perspectiva, non dende a perspectiva de guerreiros bárbaros á que estamos acostumados, senón coma os artistas que eran, tanto no ámbito da escultura coma no da ourivería ou a música.
O libro explica quen eran os celtas e céntrase na súa arte, a súa arquitectura e na figura dos bardos, moi importantes porque eran os encargados de transmitir a súa historia, xa que os celtas non escribían salvo en raras ocasións. 
A conclusión? Os celtas eran grandes artistas, capaces de facer auténticas marabillas en tódolos ámbitos artísticos.
Desde o meu punto de vista, o libro móstranos a outra cara dos celtas, a súa sensibilidade artística. Móstranos obras de refinada ourivería coma os torques, escudos, espadas ou mesmo caldeiros adornados con auténticas filigranas. Tamén nos mostra as súas obras arquitectónicas, o castelo de Tintagel, onde se di que naceu o rei Arturo ou construcións coma Stonehenge.
Outro tema que trata é o dos bardos, transmisores da cultura e a historia celta (os celtas non escribían e as súas lendas pasaban duns bardos a outros de forma oral). Nos lugares celtas máis remotos aínda continúa habendo persoas que contan as vellas historias celtas. Finalmente, a partir do século XIX todo o relacionado co mundo celta rexurdiu de mans dos románticos, que vían no mundo celta un xeito de escapar da súa realidade. Hoxe en día hai moitos músicos, sobre todo en Irlanda ou Bretaña, que recuperaron a música celta e interpretan cancións tradicionais das súas respectivas nacións.
LE ESTE LIBRO SE… che interesa a arte celta, se es dos que levan un trisquel colgando do pescozo, se che gustan dolmens, castros, se es fan de Astérix…
Publicado por Raquel Losada García para o Club de Lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense, "Ai, Ptolomeo, tolo meu".

xoves, 6 de maio de 2010

"O Código da Vinci" de Dan Brown... por Brais González Gómez.

O libro inicia cun asasinato ocorrido nun dos lugares mais interesantes e significativos do mundo: o Museo de Louvre. A vítima, Jacques Saunière, o último Gran Maestre dunha sociedade secreta que se remonta á fundación dos Templarios, o priorado de Sión, transmite á súa neta, Sofía Neveu, unha misteriosa clave. Saunière e os seus predecesores, entre os que se atopaban homes como Isaac Newton ou Leonardo da Vinci, conservaron durante séculos un segredo que pode cambiar completamente a historia da humanidade. Sofía, busca a colaboración do investigador en simboloxía, Robert Langdon. Este é chamado ao seu hotel en Paris mentres daba un curso. O problema comeza cando ao chegar á súa cita é interceptado por un detective que lle informa que a persoa que o citara está morto no museo de Louvre, asasinado. A vítima antes de morrer deixa unha serie de códigos por diferentes partes, escribíndoo co seu propio sangue. A partir de pistas escondidas en retratos, cadros, igrexas e ata en tumbas e gravados en pedra, Langdon dáse conta que a igrexa tamén a comezado a procura do segredo para destruílo antes de que chegue á luz pública e termina coa igrexa tal como coñéceselle nos nosos dias.
Comeza a procura dese segredo, nunha trepidante carreira que lles leva dunha clave a outra, descifrando mensaxes ocultas nos máis famosos cadros de Leonardo da Vinci: A Mona Lisa sería un anagrama da unión divina do masculino e o feminino; na Última Cea, aparecería sentada á dereita de Cristo, cunha longa cabeleira e as mans entrelazadas, unha muller: a mesmísima María Magdalena. Isto lévao a interpretar que ela é a muller de Xesús.
María Magdalena non só fora a compañeira de Cristo senón que tivera un fillo del; ademais fora unha dos 12 apóstolos, e Cristo confiáralle a dirección da súa Igrexa. Con todo, a misoxinia de Pedro e Pablo levou á persecución de María Magdalena, a acusala de prostituta e condenar a súa descendencia. O Santo Graal é a mesma María Magdalena. O Priorado de Sión resgarda todos os documentos que demostran esta hipótese, e a súa localización só a coñecen catro membros do Priorado. A novela tamén ofrece a fascinación dos poderes terreais. O Opus Dei e o Vaticano empeñados en que non se revele o contido dos documentos
da descendencia de Cristo A novela refírenos a feitos históricos nos que aparece o concilio de Nicea, onde Xesucristo é convertido en divindade, pois ata entón habia sido considerado simplemente un profeta dunha nova fe. Un crebacabezas que deberán resolver pronto, xa que unha poderosa e influente organización católica está disposta a empregar todos os medios para evitar que o segredo salga á luz. Trátase nin mais nin menos que do Opus Dei.
A miña opinión persoal? O Código da Vinci é un gran libro, que entretén fortemente aos seus lectores e que engancha desde un primeiro momento cun ritmo vertixinoso sobre a historia. Aínda así incluír que non todo o que sae no libro é real e non todos os datos estan contrastados, aínda así consegue transmitir perfectamente a mensaxe de crítica cara á igrexa (entre outros). O meu libro favorito, sen dúbida, destacando sobre o resto con fartura.
Publicado por Brais González Gómez para o Club de Lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense "Ai, Ptolomeo, tolo meu".