mércores, 16 de xuño de 2010

LIBROS ADQUIRIDOS NO CURSO 2009-2010.

Estes foron os libros que fomos adquirindo coa subvención da Consellería (500 euros) para iniciar a nosa escolma de libros de divulgación e formación científica integrada. Teñen moi diferentes graos de dificultade e moi distintos focos de interese. Engádolles unha serie de enlaces con moi distintas procedencias para abrir -igual que coa variedade á que se refiere a temática- o abano de posibilidades de relacións e interconexións. Que a lectura sempre nos sexa tan propicia e que sempre disfrutemos con ela coma nenos!


1. ARSUAGA, J. Luis: El reloj de Mr. Darwin. Temas de Hoy, 2009.
3. EINSTEIN, Albert: Mi visión del mundo. Tusquets, 2004.
4. GARCÍA BARRENO, Pedro: El legado de Hipócrates: los grandes temas de la medicina. Espasa-Calpe. 2008.
6. HAWKING, Stephen W: La clave secreta del universo. Montena, 2008.
7. JONSON, George: Los diez experimentos más hermosos de la ciencia. Ariel, 2008.
10. LOVELOCK, James: Las edades de Gaia: Una biografia de nuestro planeta vivo. Tusquets, 1993.
12. MARGULIS, Lynn; SAGAN, Dorion: Microcosmos. Tusquets, 1995
13. MARGULIS, Lynn: Peces luminosos: Historias de amor y ciencia. Tusquets, 2002.
14. MARGULIS, Lynn- SAGAN, Dorion: ¿Qué es la vida? Tusquets, 2009.
15. MOLIN, Lee: Las dudas de la física en el siglo XXI. Crítica, 2007.
16. NÚÑEZ CENTELLA, Ramón: Esta es mi gente: inventos y anécdotas de 46 mentes prodigiosas. Le Pourquoi pas, 2007.
18. PUNSET, Eduardo: El alma está en el cerebro. Punto de lectura, 2008.
19. PUNSET, Eduardo: El viaje a la felicidad: Las nuevas claves científicas. Destino, 2008.
20. PUNSET, Eduardo: El viaje al amor: Las nuevas claves científicas. Destino, 2008.
21. PUNSET, Elsa: Brújula para navegantes emocionales. Aguilar, 2008.
22. ROBERTS, Royston: Serendipia: descubrimientos accidentales en la ciencia. Alianza, 2004.
23. SÁNCHEZ RON, José Manuel: Como al león por sus garras. Ed. de Bolsillo, 2003.
24. SÁNCHEZ RON, José Manuel: El poder da la ciencia. Crítica, 2006.
26. WOLKE, Robert: Lo que Einstein le contó a su barbero. Swing, 2007.

martes, 15 de xuño de 2010

E houbo diplomas para os e as participantes...

O día da Festa de Graduación dos alumnos de 2º de Bacharelato fixémoslles merecida entrega aos esforzados e animosos mozos e mozas que se enfrontaron a este reto do Club de lectura "Ai, Ptlomeo, tolo meu!" e que superaron as expectativas con miles de creces. Creo que este blog é a mellor das evidencias posibles para xustificar tal entusiasta e afectuosa declaración por parte do profe. Se queredes ver as fotos da entrega de diplomas (e as outras do fin de festa) clicade aquí.

Os que a coñecemos, sabemos que temos a honra de estar nunha biblioteca “de luxo”.

Estas son as "xoias" na nosa biblioteca... 
Como non aprezar a lectura estando nunha biblioteca tan rexia e magnífica? (Anque non lle viría mal unha man de pintura e cambiar algo o mobiliario,...). Nela gárdanse edicións do De Revolutionibus de Copérnico ou dos mapas do Reino de Galicia de Domingo Fontán. Como non marabillarse, extasiarse, ante tal "delicatessen" bibliográfica, verdadeiro tesouro do pensamento científico-creativo da humanidade?
Na entrevista que realizaron Raquel e Pablo, Mª Carme ofreceulles ver algunhas das “xoias da biblioteca”.  A composición fotográfica é de Luchi Girola.
A xoia da coroa fundamental é o libro de Copérnico. Pero ademais hai outros libros moi singulares. Temos unha "Clasificación sistemática do Reino Animal" que se usaba no seminario de ciencias para as clases. O libro, escrito por Achille Conte, está en francés, data de 1840 e foi editado en París. Destaca pola precisión de contidos, calidade de gráficos e polo seu tamaño, de grandes dimensións.
Destacan tamén "Flora Española o historia de las plantas que se crían en España" de Joseph Quer, publicada en Madrid en 1764. Sigue un método alfabético e contén gravados. Gardamos tamén unhas "Láminas de Geometría descriptiva" de J. Adhèmar (París, 1853); láminas de Física de Mr. Brisson (Madrid, 1802); e como verdadeira curisosidade "De Febris epidemicae..." Bvrgis, 1574.
Tamén temos a "Carta xeográfica de Domingo Fontán", a primeira cartografía de Galicia de 1845. Está en folios que unidos forman un gran mapa que se pode observar na casa museo de Otero Pedrayo en Trasalba. Á parte, "Nueva Geografía Universal" de Jean Jacques Reclus (Madrid, 1888), na que se presenta unha nova forma de estudo dos pobos e das xentes; ou unha "Historia General de los Viages" (París, 1750), relato minucioso dos países e das súas xentes recollendo a cultura, flora, etc.
En canto ás publicacións galegas, existen facsímiles das coleccións "Nós", "A Nosa Terra" e "Guieiro"; "Revista do Centro Galego de Montevideo" e "Revista do Centro Galego da Habana", como expresión da difusión cultural e literaria galega de comezos do século XX.
Destacan tamén edicións especiais de obras literarias tales como as "Sonatas" de Valle-Inclán (Barcelona, MCMVII); "Isolación" de Emilia Pardo Bazán (Barcelona, 1889); unha "Obra Completa" de Rubén Darío (Madrid, 1916); ou unha edición do "Quijote", ilustrada por Doré.
Entre as publicacións de profesores ou alumnos que foron do Instituto: a "Gramática Galega" de Saco e Arce (2ª ed, Ourense, 1967); os "Elementos de Metodología de la Historia" de Vicente Risco (A Coruña, 1928), as "Pelerinaxes" de Otero Pedrayo (A Coruña, 1929).

"DE REVOLUTIONIBUS" EN OURENSE.
Mención á parte (na visita á biblioteca) merece a historia de cómo se atopou unha segunda edición do “De Revolutionibus orbium coelestium” no noso Instituto.
Cóntanos Mª Carme: “Cando se estaban clasificando os libros atopouse e depositouse na caixa forte do instituto polo seu gran valor. En 1999 o historiador ourensán Justo Carnicero tivo noticia da súa existencia e comezou a facer publicidade e a facer un estudio a nivel de España para saber os exemplares que había desa edición. O exemplar que gardamos é unha segunda edición editada en 1566 en Basilea; a primeira edición fora editada en Nuremberg o ano da morte de Copérnico, 1543. A segunda edición foi editada por un discípulo do autor que escribiu o preámbulo da obra. O libro foi xerado a comezos de 1500 pero Copérnico era remiso a publicar as súas teorías por medo ás críticas e ó rexeitamento científico. De feito en 1616 prohibiuse a súa difusión e foi incluído nas listas de libros prohibidos. Justo Carnicero comprobou que había tres exemplares en Salamanca, dous en Madrid, un en Sevilla e o de Ourense, e deduciu que este libro probablemente viñese da universidade de Salamanca, o único centro no que se permitía a súa lectura parcial. Debeu chegar da man dun presbítero que estudara alí. Dende que se lle deu publicidade á existencia da obra, chegou a noticia ata a Universidade de Harvard, onde un profesor fixo un catálogo desa edición no que de momento hai uns trescentos exemplares. É unha vantaxe porque se o libro desaparece pódese atopar polo catálogo”.

Tamén vos ofrecemos un marcapáxinas...

Cityario

Ao longo da andaina do noso clube neste curso 2009-2010, atopamos moitas, moi variadas e sorprendentes citas nos nosos libros, deses grandes pensadores que dan á luz un novo modo de entender as realidades, máis profunda, máis aguda e penetrante. Destellos do pensamento creativo que alumean un novo mundo; en palabras de David Hume, unha "new scene of thought".
Velaquí algunhas. Atoparedes máis nos comentarios particulares de cada libro.
1. “Nin o poder nin a riqueza persisten, só a arte e a ciencia” (Epitafio de Tycho Brahe).

2. “Lembrarase a Arquímedes aínda cando Esquilo sexa esquecido, pois as linguaxes perecen mentres que as ideas matemáticas non morren nunca” (Godfrey Harold Hardy).

3. “A esencia das matemáticas é a liberdade” (Georg Cantor).

4. “Non hai nada máis triste que a ignorancia en acción” (Goethe).

5. “Conecto, logo existo” (S. J. Singer).

6. “Vivimos nunha sociedade que só mellorará se se producen cambios políticos relevantes” (Javier Sádaba).

7. “O progreso, ben entendido, é a vitoria da risa sobre o dogma” (Javier Sádaba).

8. “Deus, o respectuoso caos de superlativos non imaxinables” (Jorge Luis Borges).

9. “Existen doce probas que demostran a non existencia de Deus” (Sébastien Faure).

10. “Porque onde durante mil anos reinou a fe, precisamente alí reina a dúbida. Todo o mundo di: si, iso está nos libros, pero imos observalo por nós mesmos. Aquilo do que nunca se dubidou, hoxe ponse en dúbida.” (Bertolt Brecht).

11. “O asasinato ilegal dun home a mans dun tirano é máis grave que a morte de mil por causa dunha peste ou mal que afecte a todos”(David Hume).

12. "Cada esforzo por clarificar o que é ciencia e de xerar entusiasmo popular sobre ela é un beneficio para a nosa civilización global. Do mesmo xeito, demostrar a superficialidade da superstición, da pseudociencia, do pensamento new age e do fundamentalismo relixioso é un servizo á civilización" (Carl Sagan).

13. "Como pode a ascendencia de Marte no momento do meu nacemento influír sobre min, nin entón nin agora? Eu nacín nunha habitación pechada, a luz de Marte non podía entrar. A única influencia de Marte que podía afectarme era a súa gravitación, con todo a influencia gravitatoria do tocólogo era moito maior que a influencia gravitatoria de Marte. Marte ten maior masa, pero o tocólogo estaba moito máis preto". (Carl Sagan).

14. "Na ciencia adoita ocorrer que un científico diga: `É un bo argumento, eu estaba equivocado´, cambie de opinión e desde ese momento non se volva a mencionar a antiga posición. Realmente pasa. Aínda que non o frecuentemente que debería xa que os científicos son humanos e o cambio é ás veces doloroso. Pero ocorre cada día. Non lembro a última vez que algo así pasou en política ou relixión" (James Lovelock).