martes, 15 de xuño de 2010

Cityario

Ao longo da andaina do noso clube neste curso 2009-2010, atopamos moitas, moi variadas e sorprendentes citas nos nosos libros, deses grandes pensadores que dan á luz un novo modo de entender as realidades, máis profunda, máis aguda e penetrante. Destellos do pensamento creativo que alumean un novo mundo; en palabras de David Hume, unha "new scene of thought".
Velaquí algunhas. Atoparedes máis nos comentarios particulares de cada libro.
1. “Nin o poder nin a riqueza persisten, só a arte e a ciencia” (Epitafio de Tycho Brahe).

2. “Lembrarase a Arquímedes aínda cando Esquilo sexa esquecido, pois as linguaxes perecen mentres que as ideas matemáticas non morren nunca” (Godfrey Harold Hardy).

3. “A esencia das matemáticas é a liberdade” (Georg Cantor).

4. “Non hai nada máis triste que a ignorancia en acción” (Goethe).

5. “Conecto, logo existo” (S. J. Singer).

6. “Vivimos nunha sociedade que só mellorará se se producen cambios políticos relevantes” (Javier Sádaba).

7. “O progreso, ben entendido, é a vitoria da risa sobre o dogma” (Javier Sádaba).

8. “Deus, o respectuoso caos de superlativos non imaxinables” (Jorge Luis Borges).

9. “Existen doce probas que demostran a non existencia de Deus” (Sébastien Faure).

10. “Porque onde durante mil anos reinou a fe, precisamente alí reina a dúbida. Todo o mundo di: si, iso está nos libros, pero imos observalo por nós mesmos. Aquilo do que nunca se dubidou, hoxe ponse en dúbida.” (Bertolt Brecht).

11. “O asasinato ilegal dun home a mans dun tirano é máis grave que a morte de mil por causa dunha peste ou mal que afecte a todos”(David Hume).

12. "Cada esforzo por clarificar o que é ciencia e de xerar entusiasmo popular sobre ela é un beneficio para a nosa civilización global. Do mesmo xeito, demostrar a superficialidade da superstición, da pseudociencia, do pensamento new age e do fundamentalismo relixioso é un servizo á civilización" (Carl Sagan).

13. "Como pode a ascendencia de Marte no momento do meu nacemento influír sobre min, nin entón nin agora? Eu nacín nunha habitación pechada, a luz de Marte non podía entrar. A única influencia de Marte que podía afectarme era a súa gravitación, con todo a influencia gravitatoria do tocólogo era moito maior que a influencia gravitatoria de Marte. Marte ten maior masa, pero o tocólogo estaba moito máis preto". (Carl Sagan).

14. "Na ciencia adoita ocorrer que un científico diga: `É un bo argumento, eu estaba equivocado´, cambie de opinión e desde ese momento non se volva a mencionar a antiga posición. Realmente pasa. Aínda que non o frecuentemente que debería xa que os científicos son humanos e o cambio é ás veces doloroso. Pero ocorre cada día. Non lembro a última vez que algo así pasou en política ou relixión" (James Lovelock).

1 comentario:

  1. Que grandes todos e cada un destes personaxes obxectos da nosa lectura!!! Pero especialmente Carl Sagan...Que contundencia! Que rotundidade! Sinto unha debilidade especial por este gran home...

    ResponderEliminar