martes, 23 de febreiro de 2010

"Historia del tiempo" de Stephen Hawking ... por Daniel Carvajal Alonso

Non é preciso presentar a Stephen Hawking. Todo o mundo oíu falar ou viu por televisión a este famoso físico, cosmólogo e divulgador inglés que actualmente ten 68 anos. Temos unha imaxe mental del como un home en cadeira de rodas, que fala a través dun sintetizador de voz e que non pode mover case ningún músculo, por mor da esclerose que padece. Esta enfermidade foille diagnosticada con 21 anos, e dixéranlle que non viviría máis de 2 ou 3 anos, pero Hawking nunca abandonou as súas investigacións malia ese prognóstico, nin malia á súa enfermidade. Ata o ano pasado (no que se xubilou), ocupou a cátedra Lucasiana de Matemáticas da Universidade de Cambridge. Os seus importantes estudos sobre os  "buratos negros" no Universo e as súas teorías cosmolóxicas foron premiados en numerosas ocasións.
Como dato curioso, engadirei que en 1981, asistíu a unha conferencia no Vaticano sobre cosmoloxía organizada polos xesuítas, onde falou da posibilidade de que o espazo-tempo fose finito pero sen fronteiras (unha das súas teorías máis importantes, a do universo autocontido), o cal que excluiría a Creación. Xusto despois permitíuselle falar co Papa, que non asistira á conferencia, e que lle dixo que estaba ben que se estudase a evolución do universo despois do Big Bang, pero non que se estudase o Big Bang en si, pois era o momento da Creación (xusto do que estivera a falar!).
Hawking escribiu libros científicos como A estrutura a gran escala do espazo-tempo, Relatividade xeral: revisión no centenario de Einstein, 300 anos de gravidade... Pero os máis coñecidos son os de divulgacións, moito menos arduos e técnicos, como O universo nunha cáscara de noz, A clave secreta do universo (escrito xunto á súa filla), e o seu libro máis coñecido, Historia do tempo.
Neste último ofrece un rápido repaso polas concepcións do universo dende o comezo da humanidade ata a actualidade (pasando, por suposto, polo "noso amigo" Ptolomeo, que aínda que o seu modelo non fose acertado, foi o primeiro que permitía predicir as posicións dos astros no ceo), para logo internarse de cheo nas súas teorías, onde expón a relatividade do tempo para distintos observadores (de onde se extrae o famoso paradoxo dos xemelgos: “se un dos xemelgos fose de viaxe nunha nave espacial a unha velocidade próxima á da luz [...] ao regresar sería moito máis xove que o que se quedou na terra”), explica as singularidades do Big Bang e dos "buratos negros" (que, como el di, en realidade non son tan negros pois emiten radiacións), adéntrase na natureza do tempo, expón a súa teoría do universo autocontido (á que xa me referira) e remata fantasiando sobre unha teoría de unificación de tódalas demais teorías da física, á que se semella a Teoría de super-cordas que explica.
Este é sen dúbida un libro imprescindible para aqueles que busquen ampliar os seus coñecementos sobre o universo, non demasiado complicado nin demasiado básico, e ata con algunha que outra sutil nota humorística (imprescindible a súa explicación de por qué o noso mundo ten 3 e non 2 dimensións: “os animais [...] terían que trepar uns sobre outros para adiantarse”). Eu quédome coa súa explicación do principio antrópico: “Por que é o universo como o vemos? A resposta é sinxela: de ter sido diferente, nos non estariamos aquí!”.
Publicado por Daniel Carvajal Alonso para o Club de lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense, "Ai, Ptolomeo, tolo meu".

venres, 19 de febreiro de 2010

"La vida en nuestras manos" de Javier Sádaba... por Pablo Romero Vilarchao

[Grazas a esta estupenda páxina: http://www.roc21.com/blog/] La vida en nuestras manos (2001) é unha obra do escritor de Portugalete Javier Sádaba (1940), na que reflexiona, dende un punto de vista eminentemente positivo, acerca dos últimos avances en medicina, bioloxía e xenética. Aquí vos deixo a páxina de wikipedia sobre o autor, na que tamén poderedes atopar enlaces a entrevistas, conferencias e demais sobre el. Un vídeo e, finalmente, a súa páxina persoal.

• Obxectivo: A través deste ensaio (eu atreveríame a dicir de divulgación científica e de reflexión ética), o que pretende Sádaba é tratar de botar abaixo unha serie de prexuízos históricos relacionados coa ciencia en xeral, pero máis concretamente coa bioloxía e, en especial, coa xenética. Para isto, recorrerá a todo un caudal de información especializada, que non incomprensible, que sitúan a A vida nas nosas mans na máis rotunda actualidade.
• Ideas básicas: moito que salientar, por tratarse dunha obra sistemática:
― Os primeiros tres conceptos clave son saúde, biomedicina e bioética:
• a saúde é o suposto da boa vida, un ben básico equivalente á vida en canto tal. É tamén un modelo da moral, entendida a moral como felicidade, como capacidade para sacar proveito das nosas potencias.
• os primeiros filósofos eran médicos. A medicina trae consigo a saúde, a boa vida. De aí a importancia da biomedicina.
• a bioética entendida como superación dos límites históricos accidentais.
— A euxenesia enténdese como a manipulación duns seres humanos sobre outros, é dicir, é a negación da moralidade. Dous tipos de euxenesia: positiva (intenta mellorar aos individuos. Por exemplo, cando levamos todas as vacas a un mesmo boi) e negativa (intenta eliminar os defectos dos seres vivos. Foi o que fixeron os nazis). Neste sentido, a terapia xénica consiste en ir directamente aos xenes para eliminar aqueles que foran a causa dunha determinada enfermidade, sendo substituídos por outros sans. Hai tres importantes personaxes neste aspecto: Sloterdijk, Habermas e Tugendhat. Nunha das súas conferencias, Sloterdijk fixo referencia á palabra “domar”, que moitos, rememorando o non tan afastado pasado alemán, interpretaron como euxenesia, cousa que o afectado nega totalmente. Sádaba deféndeo en contra de Habermas, ao que critica duramente. Tugendhat é, segundo o propio autor, o filósofo moral máis progresista do momento, e un dos máis atinados á hora de fundamentar unha moral que poida resistir calquera reto.
— A bioloxía e a cultura están estreitamente relacionadas xa que, realmente, a cultura é comunicación. A comunicación sucédese de cerebro en cerebro. As neuronas e os procesos neuronais do cerebro están condicionados polos xenes, é dicir, pola estrutura de información que posuímos. Máis aínda, e isto é sumamente importante, os xenes prescriben certas regras de crecemento que rematarán xerando cultura. E polo tanto, Tugendhat non ten razón cando di que “non hai ningún xen para a moral”, por ser esta un subconxunto da cultura.
— O descubrimento da morte tivo como resultado o nacemento da relixión e a división de todo o existente en dúas zonas: a material e a espiritual. E isto hai que telo en conta cando falamos da posibilidade de inmortalidade do ser humano. Neste sentido, é posible quitarlle poder á morte para darllo á vida? A isto hai que responder dende tres planos:
• 1) sociolóxico: o problema da cada vez maior cantidade de xente vella. A xente maior é empregada como baza electoral, os políticos sempre tratan de seducilos. Sexa cal sexa a situación, as pensións sempre soben. Todo isto pode rematar por converterse nin círculo vicioso. Ademais, é existe unha forte necesidade de man de obra estranxeira, polo que temos que modificar os nosos hábitos para con outras comunidades etnicamente diferentes.
• 2) psicolóxico: unha parte de nós loita por aumentar a “estatura” temporal do corpo. Cada un de nós cremos ser alleos á morte e atribuímos a mortalidade aos demais. Pero isto non será posible debido á existencia da denominada apoptose (suicidio programado das células, impedindo deste xeito a eternidade do ser humano).
• 3) biolóxico-metafísico: existe unha polémica, unha loita entre bioloxía e metafísica. A polémica sinala a necesidade que temos de adaptar a nosa visión do mundo, e isto só será posible se combinamos, con habilidade e arte, os avances científicos.
— O embrión é un conxunto de células aptas para a reprodución. Os embrións que, por calquera motivo, se desperdician, son empregados para obter deles células nai, que poden ser manipuladas para obter tecidos ou órganos, permitindo así a reparación dos nosos desgastados corpos e a cura das nosas enfermidades.
— O aborto en determinadas condicións non é para nada inmoral e, polo tanto, non hai ningún impedimento para que poidamos utilizar os embrións procedentes de abortos con fins experimentais ou medicinais.
— Caída do mito tradicional do dogma da medicina segundo o cal as células do cerebro, unha vez perdidas, non se rexeneran. Non é certo, si que o fan.
— As emocións son fundamentais na relación entre cerebro e corazón. Isto lévanos a dous conceptos de importancia capital:
• a mente é o conxunto das capacidades psicolóxicas, especialmente a vontade e o entendemento. O mito da mente como realidade espiritual ou como realidade independente de nós é falso. Debate filosófico entre espiritualistas e materialistas. A mente corresponde tamén ao problema da conciencia, que é o exercicio das nosas capacidades emotivas, perceptivas e intelectuais en resposta aos estímulos que nos transmiten os sentidos. A autoconciencia está ligada á linguaxe.
• a liberdade. Se temos en conta aquilo que Freud denominou o inconsciente e a cantidade de cousas que suceden cada segundo no noso corpo, chegamos á conclusión de que non somos libres. Nembargantes, segundo Sádaba, nunca poderemos negar a liberdade. É máis, hai que reducir ao absurdo a quen a negue, porque quen a negue, estase negando a si mesmo.
— As emocións son expresivas, responden a unha reacción. A idea de reacción é fundamental. Porque as reaccións non se dominan. As emocións secundarias son os sentimentos, que se diferencian das emocións puras en que estes pódense expresar con palabras. Pódense controlar os sentimentos? Hai unha parte das emocións que nunca poderemos controlar por ser primarias. Pero a maior parte si está baixo o noso dominio. Por exemplo, o amor e a ira, por tratarse de sentimentos morais, poden ser incrementados ou diminuídos por nós.
— A eutanasia consiste en evitar a mordedura fatal da dor cunha morte segura e próxima. Pódese contemplar dende catro perspectivas:
• moral: a eutanasia é absolutamente compatible coa moral.
• legal: no Código Penal do Dereito español de 1995 castígase con penas que van dos seis aos oito anos a quen sexa favorable a exercitar a eutanasia.
• relixión: o catolicismo oponse radicalmente á eutanasia.
• medicina: son os expertos os que teñen que sinalar a situación do paciente e situarse ante un problema que, dunha forma ou doutra, lles afecta.
Condicións sen as cales non se pode falar nunca de eutanasia: 1) vontade libre do paciente para que se lle aplique a referida eutanasia, 2) irreversibilidade respecto á enfermidade que padece, e 3) situación penosa debido á correspondente enfermidade.
Pódense establecer tres clasificacións da eutanasia, segundo sexa voluntaria/involuntaria, activa/pasiva ou directa/indirecta. Está claro, segundo o autor, que só pode ser motivo de debate cando é voluntaria, activa e directa, é dicir, cando unha persoa que reúne todas as condicións especificadas anteriormente, decide que outra persoa lle axude a morre.
— Á moral compételle poñer no seu sitio á relixión e, polo tanto, debemos transformar as crenzas relixiosas en crenzas morais.
— O xornalismo ten que ser consciente da revolución biolóxica que estamos vivindo. Existe, xa que logo, a necesidade dunha divulgación científica e dun xornalismo de investigación acerca dos avances xenéticos para que o común dos mortais teña unha serie de nocións básicas fundamentais sobre os temas en cuestión. Os xornalistas non teñen que ser xenios, pero si han de buscar a excelencia.
— Un reducido número de coñecidos filósofos afirman que o ser humano só pode ser considerado como tal cando posúe conciencia, previsión de futuro e sabe que existe un “eu” que se estende no tempo. Neste sentido, non seriamos os reis da Creación, pois un bebé estaría ao mesmo nivel que un polo ou un can. Pero resulta que, segundo o autor, non teñen razón, porque do feito de que a humanidade como produto da evolución sexa equivalente ás demais especies, non se desprende que sexa algo plano, inerte.
• Conclusións: 1) temos que liberarnos de prexuízos tales como a falsa crenza e opinión que ten a xente acerca da clonación, provocada polo xornalismo sensacionalista e un sen fin de cinematografía fantástica moi afastada da realidade, 2) un dos males da nosa sociedade é o “ananismo” moral. A poboación vive con demasiados cabos sen atar, a moral da maioría está durmida, e 3) a necesidade e o papel da imaxinación nas nosas vidas.
• Comentario persoal: A verdade é que para ser licenciado en teoloxía (entre outras moitas cousas), Javier Sádaba ten unha visión bastante laica e librepensadora da realidade, chegando nalgúns momentos a criticar duramente ao mesmo Tomé de Aquino, base, sustento da teoloxía cristiá. É un ensaio claro, conciso e científico. Anímovos a lelo!
Algunhas citas de interese:
– “A moral consiste en boa parte na rebelión contra os xenes”, Darwin.
– “Conecto, logo existo”, S.J. Singer.
– “Vivo en California dende fai 25 anos, pero aínda teño que facer un esforzo para lembrar que aquí a ensinanza da teoría da evolución non é libre...Un gran sector da poboación aínda aprende historia a partir dunha interpretación literal da Biblia...Para moitos estadounidenses, o mundo foi creado no ano 4004 antes de Cristo”, Cavalli-Sforza.
– “Vivimos nunha sociedade que só mellorará se se producen cambios políticos relevantes”, o autor.
– “O progreso, ben entendido, é a vitoria da risa sobre o dogma”, o autor.

Publicado por Pablo Romero para o Club de Lectura do I.E.S. Otero Pedrayo de Ourense "Ai, Ptolomeo, tolo meu".