martes, 23 de febreiro de 2010

"Historia del tiempo" de Stephen Hawking ... por Daniel Carvajal Alonso

Non é preciso presentar a Stephen Hawking. Todo o mundo oíu falar ou viu por televisión a este famoso físico, cosmólogo e divulgador inglés que actualmente ten 68 anos. Temos unha imaxe mental del como un home en cadeira de rodas, que fala a través dun sintetizador de voz e que non pode mover case ningún músculo, por mor da esclerose que padece. Esta enfermidade foille diagnosticada con 21 anos, e dixéranlle que non viviría máis de 2 ou 3 anos, pero Hawking nunca abandonou as súas investigacións malia ese prognóstico, nin malia á súa enfermidade. Ata o ano pasado (no que se xubilou), ocupou a cátedra Lucasiana de Matemáticas da Universidade de Cambridge. Os seus importantes estudos sobre os  "buratos negros" no Universo e as súas teorías cosmolóxicas foron premiados en numerosas ocasións.
Como dato curioso, engadirei que en 1981, asistíu a unha conferencia no Vaticano sobre cosmoloxía organizada polos xesuítas, onde falou da posibilidade de que o espazo-tempo fose finito pero sen fronteiras (unha das súas teorías máis importantes, a do universo autocontido), o cal que excluiría a Creación. Xusto despois permitíuselle falar co Papa, que non asistira á conferencia, e que lle dixo que estaba ben que se estudase a evolución do universo despois do Big Bang, pero non que se estudase o Big Bang en si, pois era o momento da Creación (xusto do que estivera a falar!).
Hawking escribiu libros científicos como A estrutura a gran escala do espazo-tempo, Relatividade xeral: revisión no centenario de Einstein, 300 anos de gravidade... Pero os máis coñecidos son os de divulgacións, moito menos arduos e técnicos, como O universo nunha cáscara de noz, A clave secreta do universo (escrito xunto á súa filla), e o seu libro máis coñecido, Historia do tempo.
Neste último ofrece un rápido repaso polas concepcións do universo dende o comezo da humanidade ata a actualidade (pasando, por suposto, polo "noso amigo" Ptolomeo, que aínda que o seu modelo non fose acertado, foi o primeiro que permitía predicir as posicións dos astros no ceo), para logo internarse de cheo nas súas teorías, onde expón a relatividade do tempo para distintos observadores (de onde se extrae o famoso paradoxo dos xemelgos: “se un dos xemelgos fose de viaxe nunha nave espacial a unha velocidade próxima á da luz [...] ao regresar sería moito máis xove que o que se quedou na terra”), explica as singularidades do Big Bang e dos "buratos negros" (que, como el di, en realidade non son tan negros pois emiten radiacións), adéntrase na natureza do tempo, expón a súa teoría do universo autocontido (á que xa me referira) e remata fantasiando sobre unha teoría de unificación de tódalas demais teorías da física, á que se semella a Teoría de super-cordas que explica.
Este é sen dúbida un libro imprescindible para aqueles que busquen ampliar os seus coñecementos sobre o universo, non demasiado complicado nin demasiado básico, e ata con algunha que outra sutil nota humorística (imprescindible a súa explicación de por qué o noso mundo ten 3 e non 2 dimensións: “os animais [...] terían que trepar uns sobre outros para adiantarse”). Eu quédome coa súa explicación do principio antrópico: “Por que é o universo como o vemos? A resposta é sinxela: de ter sido diferente, nos non estariamos aquí!”.
Publicado por Daniel Carvajal Alonso para o Club de lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense, "Ai, Ptolomeo, tolo meu".

1 comentario:

  1. Moi bo traballo Dani, jeje.
    Parece un libro moi interesante...
    Debe de ser curiosa a anécdota da conferencia no Vaticano...en fin, benvido ao club!!!

    ResponderEliminar