domingo, 7 de marzo de 2010

"Diccionario crítico de mitos e símbolos do nazismo" de Rosa Sala Rose ... por Raquel Losada

•AUTORA: Rosa Sala Rose (Barcelona 1969) é licenciada en filoloxía alemá e doutora en filoloxía románica. Como xermanista traduciu e comentou obras de Goethe e Thomas Mann. É unha estudosa do papel político e social dos mitos. Para curiosear sobre as súas inquedanzas intelectuais, visitade o seu blog, moi interesante.

•OBXECTIVO: O obxectivo deste libro é recompilar os símbolos e mitos que configuraron a cosmovisión nazi para intentar comprender en que consistiu.

•ARGUMENTO: O libro está estruturado en forma de dicionario, definindo alfabeticamente unha serie de termos referentes a símbolos e mitos empregados durante o nazismo. Así, se explica o significado que lles foron dando a símbolos como á aguia, ao lobo, aos fachos, á espada, ao sangue, ao lume… ou a mitos coma o da Atlántida, o Graal, os Nibelungos… ou á particular interpretación que fixeron da obra de autores coma Nietzsche, Goethe ou Wagner.

•CONCLUSIÓN: A conclusión é que a ideoloxía nazi é moito máis complexa do que parece, está composta por ideas moi diversas aínda que o fundamental é a supervivencia e supremacía da raza aria, o exterminio das razas inferiores e a loita pola patria.

•COMENTARIO PERSOAL: É un libro interesante porque descobres cousas novas que non sabías como que os nazis organizaron expedicións ó Tíbet, ós Andes ou a Montserrat; entendes como puido Hitler chegar ó poder e como era a mentalidade alemá da época. Todo o que pasou neses anos cambiou a historia e influíu fortemente en todo o mundo, por iso creo que é importante coñecer o que pasou, por qué pasou e cómo, para o que é necesario saber en qué se baseaba o pensamento dos causantes daquel horror.

•LE ESTE LIBRO…se queres saber algo máis sobre esa época convulsa e escura da historia recente que tanto marcou o mundo no que vivimos.

Publicado por Raquel Losada García para o Club de Lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense, "Ai, Ptolomeo, tolo meu".  

1 comentario:

  1. Sempre interesante, Raquel. Chámame a atención o "fondo vikingo". E como tamén percibo que sigues co teu interese pola simboloxía, eis unha páxina onde podemos atopar simboloxía rúnica: http://www.fortunecity.com/roswell/price/138/simbolo.htm.
    Tamén me gustaría aproveitar este comentario sobre a túa entrada para recomendar un estupendo libro (anque cun certo grao de dificultade, non insalvable para ti), a saber, o xa clásico "El miedo a la libertad" de Erich Fromm.

    ResponderEliminar