luns, 21 de decembro de 2009

"Mulleres científicas de todos os tempos" de Nuria Solsona... por Beatriz Pérez Conde.

Esta é unha presentación en power-point que presentou no remate do pasado curso 2008-2009 para Filosofía e Cidadanía. Tal como tiñamos indicado ao comezo do curso, era de lectura obrigada un libro de entre os ofrecidos nunha lista. Bea escolleu Mulleres científicas ao longo da historia de Nuria Solsona. Este foi o resultado do seu traballo, que rescatamos agora para o noso club de lectura, ao que tan animosamente se apuntou. Grazas, Bea.

Publicado por Beatriz Pérez Conde para o Club de lectura "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES Otero Pedrayo de Ourense.

venres, 18 de decembro de 2009

"A vida de Galileo" de Bertolt Brecht... por María Vences Paradela


[Imaxe do telescopio orixinal co que Galileo realizou ás súas observacións]

A obra de Bertolt Brecht (1898-1956) abarca moi diversos xéneros. Exiliado pola barbarie nazi, sempre procurou un teatro innovador: substituír a intensidade emocional ligada ó teatro tradicional polo alongamento reflexivo e a observación crítica a través do distanciamento. O seu legado literario exerceu unha influencia decisiva durante a segunda metade do século XX.
O tema da obra é a eterna loita entre a fe e a razón, entre o dogmatismo da tradición e a procura da verdade a partir do método científico (asentado na unión de enunciados hipotéticos, pero coa súa correspondente e esixible verificación experimental). É o relato, unha vez máis, da escisión entre “mito” e “logos”, neste caso representado polas obstinadas posicións da Igrexa (e do seu “brazo armado”: a Inquisición) fronte ao libre pensamento e investigación, representados por Galileo.
Resumo. Galileo a través das observacións realizadas a través do telescopio observa os  satélites de Júpiter. De aí deduce que non só poden xirar obxectos celestes ao redor da Terra e que, polo tanto, a Terra non é obviamente o centro de todo o sistema planetario. Así pois, a hipótese heliocéntrica de Copérnico pode ser lexítimamente defendida. Ao escribir a súa investigación na lingua do pobo (e non en latín), o pobo tamén poderá ter acceso á mesma. Dese modo, o pobo –a partir dese coñecemento científico- poderá tamén dubidar non só das verdades establecidas referidas á ciencia senón tamén da súa situación social. Dubidará dos seus amos, de Deus, da súa salvación… Por iso a igrexa obriga a Galileo a retractarse. A súa teoría científica ten repercusións moito máis alá das meramente científicas: pode alterar a orde social e con ela os privilexios dos poderosos, do poder da Igrexa sobre a sociedade. Posteriormente vivirá sometido e vixiado pola Igrexa. Será coidado pola súa filla, sempre fiel devota, á cal –sen embargo- Galileo nunca se interesou en ensinarlle o seu traballo. Malia esta situación, en secreto, redactará o seu derradeiro libro o cal verá a luz a través dun vello aprendiz… Iniciarase así unha nova época para a astronomía, para a ciencia, e… para a sociedade.
Comentario.  Brecht, a través desta obra pon en evidencia á Igrexa como o estamento que impide que a sociedade avance. Galileo escribe un libro no que demostra a veracidade do sistema heliocéntrico, de forma que anula o sistema xeocéntrico que desde os tempos de Aristóteles ou de Ptlomeo predominaba. Pero como declara Galileo: “porque sexan así as cousas non significa que teñan que seguir séndoo”. Ese libro está escrito na lingua do pobo, polo que este pode acceder a el e dubidar…: “Porque onde durante mil anos reinou a fe, precisamente alí reina a dúbida. Todo o mundo di: si , iso está nos libros, pero imos observalo por nós mesmos. Aquilo do que nunca se dubidou, hoxe ponse en dúbida” “O noso novo arte da dúbida encantou á gran masa. Arrancounos o telescopio das mans e enfocouno contra os seus torturadores. Estes homes egoístas e brutos, que aproveitaron avidamente para si os froitos da ciencia, notaron ó mesmo tempo que a fría mirada da ciencia dirixíase cara esa miseria milenaria, pero artificial, que podía ser terminantemente anulada se se lles anulaba a eles”.
Brecht tamén destaca as ansias de Galileo de aprender, investigar, e coñecer… pero tamén as “astucias” e “artimañas” ás que ten que recorrer para obter os cartos necesarios non só para investigar senón simplemente para sobrevivir.
Sen dúbida esta obra denuncia aberta e frontalmente á Igrexa, e -¡en tantas ocasións!- a súa actitude hipócrita, tal como se pode observar nesta cita posta en boca do Papa: “Se non hai Deus, hai que inventalo”. Obsérvase que actúa por intereses puramente egoístas e para menter o seu poder político: “agora a maioría da poboación é mantida nun vapor matizado de supersticións e vellas palabras polo seus príncipes, acomodados, clérigos, que solo desexan esconder as súas propias maquinacións”.
Para Brecht, a relixión é aparencia e consolación por medio da salvación, que se fixa nas esferas “cristalinas” do ceo. A loita polo movemento da Terra, a loita polo sistema solar é una loita por desfacer ese ceo, ese mundo ideal no que todas as persoas teñen un cometido determinado.

"Ti ves! Qué ves?Non ves nada. Só abres moito os ollos. Abrir moito os ollos non é ver"


[Imaxe tomada da web:http://www.lanacion.com.ar/. Grazas]
(A vida de Galileo de Bertolt Brecht por MARÍA VENCES PARADELA para o club de lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense "Ai, Ptlomeo, tolo meu". Curso 2009-2010).

Un mundo feliz de Aldous Huxley... por María Vences Paradela


[Imaxe da portada do disco de Iron Maiden, adicado á obra Brave New World]




Aldous Huxley nado 26 de xullo de 1894 en Surney, preto de Londres. A súa familia gozaba de gran tradición intelectual. O seu pai era biólogo, polo que Aldous, un rapaz moi estudoso e intelixente, inicia a súa aprendizaxe no seu laboratorio. No ámbito familiar suceden numerosas desgrazas,pero a pesar de todo , ós 17 anos comeza a escribir seriamente. Moi preocupado polos trastornos que experimenta a civilización occidental, escribe libros moi interesantes que tratan da grave ameaza que representa o progreso científico, e a súa contribución máis importante neste ámbito foi “Un mundo feliz” (1932). Entre máis dos seus 45 libros destacan: “Un pilatos burlón” (1926),”Mañá e mañá e mañá” (1956), “Nova visita a un mundo feliz” (1958), “Literatura e ciencia” (1963), entre outros moitos. Nas súas obras mestúrase a ironía pesimista e o seu interese polas filosofías orientais. Huxley considerábase a si mesmo un anarquista, o que explica a súa visión da vida no ámbito político e cultural. Finalmente morre en 1963, en Los Ángeles.
Tema. A obra trata sobre un posible mundo futuro “perfecto” “feliz” onde cada persoa é educada para realizar unas determinadas accións na sociedade, sen querer realizar outras.
Argumento. Nun futuro situado cara o “ano 600 da era fordiana”, (homenaxe a Herny Ford inventor dun método de organización de traballo de produción en serie e da estandarización das pezas), obsérvase como todo é producido en serie, incluso as persoas, que en vez de desenvolverse no ventre da nai desenvólvense en incubadoras onde dependendo do tipo de persoa que vaian a ser(Alfa, Beta, Gamma, Delta e Épsilon) deixarase que os fetos se desenvolvan de mellor ou peor forma. Unha vez que crezan a súa educación será proporcionada polo estado onde dependendo á clase que pertenzan, inculcaráselle a súa personalidade,a súas aficións, os seus gustos…É dicir o seu comportamento. Dende nenos realizan xogos eróticos baixo o lema “todo o mundo pertence a todo o mundo”. E se algo vai mal toman Soma,unha especie de droga que lles fai sentir ben “un gramo de soma a tempo, aforrará nove”.
Pero Bernard é distinto,porque ó seu feto non lle subministraron as doses normais para ser un Alfa-Mais completo,e é capaz de observar con naturalidade a realidade na que vive, e por iso os seus principios van contra o sistema da vida, unicamente baseado no consumo e na estabilidade,deixando á parte, a maioría dos valores humanos como o amor a tenrura,etc. Bernard accede a unha reserva onde os seres humanos actúan de maneira natural, onde coñece a John (salvaxe) e a nai deste, muller que pertence ó mundo feliz pero que nunha viaxe pola reserva se perdeu e tivo que permanecer alí onde tivo a John, ambos -fillo e esposa- do director do centro de traballo de Bernard. Quen non dubida en levalos ó seu mundo onde ensina a John, e así adquire fama. Pero John é incapaz de enteder nada do que o rodea. Cando a súa nai morre por exceso de soma, ve que ninguén se inmuta,e entra en cólera creando un escándalo. Por iso tanto os que o apoiaban coma el son exiliados. John é enviado a un faro onde fai a súa vida normal coma un salvaxe, pero pronto, coma se se tratase dunha película comezan a observalo curiosos, reporteiros, etc. John completamente enfurecido comeza a darse lategazos, o que chama máis a atención da xente. Canso desta situación decide suicidarse.

(Un mundo feliz de Aldous Huxley... por María Vences Paradela para o club de lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense "Ai, Ptolomeo, tolo meu". Curso 2009-2010).

domingo, 6 de decembro de 2009

"Dictamen sobre Dios" de José Antonio Marina... por Pablo Romero Vilarchao


Dictamen sobre Dios (1992) é a reflexión que José Antonio Marina realiza sobre ese peliagudo asunto. Eis algúns enlaces de interese sobre o autor: biografía, páxina oficial do autor; e o blog do autor. Tamén podedes acceder a partir de aquí a dúas das numerosas conferencias que que ofrece Marina por toda a xeografía española: A intelixencia, o noso gran recurso e A fala interior.


• Obxectivo: a obra persegue analizar o mundo e a realidade na que vivimos, que ao mesmo tempo se divide noutros dous mundos: o mundo relixioso ou das verdades privadas e o mundo profano ou das verdades públicas. Pretende chegar a un ditame acerca de Deus e para iso é necesario estudar pormenorizadamente estes dous mundos e as súas correlacións.• Ideas básicas: tanto relixión coma ciencia só se recoñecen a si mesmas e considéranse superiores, considéranse verdades absolutas e irrefutables, fóra de toda dúbida. Nembargantes, existe unha realidade superior que engloba a ambos os mundos, a ética. A ética é a única posibilidade que ten a intelixencia humana para romper a lóxica do mundo e chegar a un imposible cotiá e humilde. Ademais, a ontoloxía ten pouco que dicir a todo isto, pero ese pouco é rotundo e indiscutible.

• Conclusión: A ética é unha realidade superior a ciencia e relixión, pois o concepto de ben é máis poderoso que o de verdade. Iso si, como é lóxico, tamén se nos presentan unha serie de conflitos éticos que deberemos superar mediante a forza, a razón e os sentimentos morais. Marina afirma a Deus como substantivación da dimensión divina da realidade, e polo tanto oponse a dúas das grandes relixións actuais: o hinduísmo (que fala dun Absoluto que é conciencia) e o cristianismo (que se basea nun Deus encarnado). Proclama moi necesario o avance cara as denominadas “relixións de segunda xeración”, que serían aquelas que conseguen liberarse do lixo histórico e que están máis preocupadas por divinizar a realidade que por evadirse divinamente dela. En definitiva, o autor é un home de fe que critica a conduta histórica e a forma de proceder de moitas relixións, pero que considera fundamental e divino o papel dos grandes profetas da humanidade, en especial o de Xesús.

• Comentario persoal. A relixión e o problema da divindade son dous dos temas cruciais que foron tratados ao longo da historia da filosofía e que forman parte do marco de coñecemento humano. Para Comte, a humanidade pasou por ata tres estados: o teolóxico, o metafísico e o positivo. Borges refírese a Deus como “o respectuoso caos de superlativos non imaxinables”. Nembargantes, para Kant simplemente Deus non existe, non se pode probar, e nesta mesma liña, Sébastien Faure escribiu “doce probas que demostran a non existencia de Deus”. E así con moitos máis filósofos e infinidade de obras. Para saber máis, aquí vos deixo algunhas páxinas de interese: Deus na tradición cristiá e Deus ao longo da historia da filosofía (esta, especialmente recomendada).

Lede este libro se vos gusta comprender mellor a complexidade labiríntica da realidade na que vivimos. O autor emprega gran cantidade de fontes de información, numerosas citas e notas aclaratorias que facilitan e dan empaque á lectura. Pódese dicir que esta foi a miña primeira experiencia cunha obra de ensaio, e que me deixou un gran sabor de boca, pois recollendo de aquí e de alá, sendo crítico neste ou naqueloutro aspecto e deducindo isto ou aquilo, penso que agora sería capaz de elaborar o meu propio ditame sobre Deus, que supoño será o obxectivo de todo aquel que se embarque nesta apaixonante viaxe.
Publicado por Pablo Romero. Venres, 4 de decembro de 2009.