venres, 18 de decembro de 2009

Un mundo feliz de Aldous Huxley... por María Vences Paradela


[Imaxe da portada do disco de Iron Maiden, adicado á obra Brave New World]




Aldous Huxley nado 26 de xullo de 1894 en Surney, preto de Londres. A súa familia gozaba de gran tradición intelectual. O seu pai era biólogo, polo que Aldous, un rapaz moi estudoso e intelixente, inicia a súa aprendizaxe no seu laboratorio. No ámbito familiar suceden numerosas desgrazas,pero a pesar de todo , ós 17 anos comeza a escribir seriamente. Moi preocupado polos trastornos que experimenta a civilización occidental, escribe libros moi interesantes que tratan da grave ameaza que representa o progreso científico, e a súa contribución máis importante neste ámbito foi “Un mundo feliz” (1932). Entre máis dos seus 45 libros destacan: “Un pilatos burlón” (1926),”Mañá e mañá e mañá” (1956), “Nova visita a un mundo feliz” (1958), “Literatura e ciencia” (1963), entre outros moitos. Nas súas obras mestúrase a ironía pesimista e o seu interese polas filosofías orientais. Huxley considerábase a si mesmo un anarquista, o que explica a súa visión da vida no ámbito político e cultural. Finalmente morre en 1963, en Los Ángeles.
Tema. A obra trata sobre un posible mundo futuro “perfecto” “feliz” onde cada persoa é educada para realizar unas determinadas accións na sociedade, sen querer realizar outras.
Argumento. Nun futuro situado cara o “ano 600 da era fordiana”, (homenaxe a Herny Ford inventor dun método de organización de traballo de produción en serie e da estandarización das pezas), obsérvase como todo é producido en serie, incluso as persoas, que en vez de desenvolverse no ventre da nai desenvólvense en incubadoras onde dependendo do tipo de persoa que vaian a ser(Alfa, Beta, Gamma, Delta e Épsilon) deixarase que os fetos se desenvolvan de mellor ou peor forma. Unha vez que crezan a súa educación será proporcionada polo estado onde dependendo á clase que pertenzan, inculcaráselle a súa personalidade,a súas aficións, os seus gustos…É dicir o seu comportamento. Dende nenos realizan xogos eróticos baixo o lema “todo o mundo pertence a todo o mundo”. E se algo vai mal toman Soma,unha especie de droga que lles fai sentir ben “un gramo de soma a tempo, aforrará nove”.
Pero Bernard é distinto,porque ó seu feto non lle subministraron as doses normais para ser un Alfa-Mais completo,e é capaz de observar con naturalidade a realidade na que vive, e por iso os seus principios van contra o sistema da vida, unicamente baseado no consumo e na estabilidade,deixando á parte, a maioría dos valores humanos como o amor a tenrura,etc. Bernard accede a unha reserva onde os seres humanos actúan de maneira natural, onde coñece a John (salvaxe) e a nai deste, muller que pertence ó mundo feliz pero que nunha viaxe pola reserva se perdeu e tivo que permanecer alí onde tivo a John, ambos -fillo e esposa- do director do centro de traballo de Bernard. Quen non dubida en levalos ó seu mundo onde ensina a John, e así adquire fama. Pero John é incapaz de enteder nada do que o rodea. Cando a súa nai morre por exceso de soma, ve que ninguén se inmuta,e entra en cólera creando un escándalo. Por iso tanto os que o apoiaban coma el son exiliados. John é enviado a un faro onde fai a súa vida normal coma un salvaxe, pero pronto, coma se se tratase dunha película comezan a observalo curiosos, reporteiros, etc. John completamente enfurecido comeza a darse lategazos, o que chama máis a atención da xente. Canso desta situación decide suicidarse.

(Un mundo feliz de Aldous Huxley... por María Vences Paradela para o club de lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense "Ai, Ptolomeo, tolo meu". Curso 2009-2010).

4 comentarios:

  1. Un mundo feliz é unha novela de ciencia ficción que nos mostra unha sociedade futura, perfecta en teoría, pero con moitas limitacións na práctica. É unha sociedade de clases, pero iso non preocupa a ninguén porque todos aprenden de nenos a apreciar á súa clase e a aborrecer ás demais. Os nenos, mentres dormen, escoitan unha gravación que condiciona a súa forma de pensar. A xente cre que pensa e decide por si mesma, pero en realidade pensan, deciden, cren e actúan como os gobernantes queren que fagan. Todo isto é considerado unha sociedade perfecta na que non ten cabida o pensamento libre e os que se atreven a facer uso del son enviados a unha illa afastada da civilización. As persoas que non forman parte desta civilización son consideradas salvaxes e viven en reservas.

    Pero esta sociedade ten pouco de perfecta, porque lles falta o máis importante: a liberdade, liberdade para pensar, liberdade para actuar, para ter fillos, para escoller un ou outro traballo, para elixir parella ou para ter diferentes afeccións. Unha sociedade que antepón a súa estabilidade e seguridade á liberdade das persoas non é unha “sociedade perfecta”, unha sociedade na que o goberno decide polos cidadáns é unha ditadura. Pero o problema na civilización da novela é que ninguén o ve así, para eles as súas privacións, as súas obrigacións..., todo, é como é por que si, non se cuestionan nada do que pasa ó seu redor porque dende nenos, dende antes de nacer xa están condicionados, son creados en probetas onde se decide a súa clase social, o seu traballo..., durante anos escoitan nas súas cabezas cada vez que dormen unha voz que lles di que todo o mundo é feliz, que teñen que ser felices e se nalgún momento se senten desgraciados teñen a soma, unha droga que os fai evadirse da realidade. Todos estes factores fan que non cuestionen nada sobre o seu mundo e que se limiten a vivir o día a día e se alguén intenta mostrarlles o equivocados que están, consideran a esa persoa un tolo, coma o “salvaxe” John, que non puido soportar a “perfección” desa sociedade e optou por suicidarse. Todo isto faime pensar o sinxelo que é confundir unha ditadura cunha democracia e o fácil que é manipular ás persoas.

    ResponderEliminar
  2. Lembrei esta referencia dun máis agudos estudiosos da técnica e da tecnología, Miguel Ángel Quintanilla, quen na súa obra "Tecnología: un enfoque filosófico y otros ensayos de filosofía de la tecnología" afirmaba ao respecto do "home-robot":"Hai unha versión biotecnolóxica tanto do mito das máquinas pensantes como da rebelión dos robots: o mito dos "replicantes", tan ben recollido na película Blade Runner, herdeira indirecta de Frankenstein e directa do Brave New World. O problema filosófico específico do mito dos replicantes é o de se individuos creados artificialmente, pero dotados de todas as propiedades características do humano, son verdadeiramente humanos. Os creadores do mito inclínanse a pensar que si. E eu creo que teñen razón. Outra cosa é que o obxectivo tecnolóxico de crear individuos humanos con dotación xenética completamente controlada sexa factible e moralmente razonable". Pois,... para pensar... acerca da natureza do "humano", do alcance e límites éticos da ciencia e dos dereitos máis alá do "humano".

    ResponderEliminar
  3. Esta obra de Haldous Huxley pareceume bastante interesante desde o punto de vista significativo, de certo modo o autor expón unha teoria futurista da vida humana, onde predomina o desexo de estabilidade social e emocional e a predestinación social.

    Ademais, preséntase na obra unha especie de doutrina ou teoria etica onde o fin principal do ser humano é a felicidade e ausencia de problemas, axudados con segmentos propios do hedonismo. O nome desta obra en inglés(Brave New World), significa novo mundo valente representa a ironía do autor ao referirse a valente, xa que a forma mediante a cal os alfas, betas, gamas... enfrontaban a vida é o fiel reflexo da covardía ou facilidade, xa que a manipulación desde o nacemento ten como fin último a ausencia de problemas na vida.

    ResponderEliminar
  4. O libro pareceume moi interesante. O significado desta novela é que non haberá un mundo perfecto se todos non queren. É dicir que se todos e só se todos están de acordo incondicionalmente para vivir e ser felices neste mundo perfecto, só nese caso, ese mundo existirá estable e indefinidamente. Advírtenos da necesidade de que as clases baixas acepten a súa posición e sexan felices na devandita posición. Neste libro dános a entender que non soamente cando nos pasa algo importante e alegrámonos debemos ser felicez, se non que aínda que nos pase algo bo debemos de lembrar iso e que ninguén ten dereito a roubarnos as nosas ideas nin apoderarse das nosas decisións. Dános a entender os avances dunha sociedade, futurista, idealista e até perfeccionista onde todo é reinado por unhas mensaxes introducidas no soño. Asì como os alfas, os betas etc. Este libro pareceume bastante realista sobre as nosas decisións e o comportamento tanto psicologico como no material e non debemos fixarnos na tristeza xa que neste libro non nos relata só o mundo feliz.

    ResponderEliminar