Dictamen sobre Dios (1992) é a reflexión que José Antonio Marina realiza sobre ese peliagudo asunto. Eis algúns enlaces de interese sobre o autor: biografía, páxina oficial do autor; e o blog do autor. Tamén podedes acceder a partir de aquí a dúas das numerosas conferencias que que ofrece Marina por toda a xeografía española: A intelixencia, o noso gran recurso e A fala interior.
• Obxectivo: a obra persegue analizar o mundo e a realidade na que vivimos, que ao mesmo tempo se divide noutros dous mundos: o mundo relixioso ou das verdades privadas e o mundo profano ou das verdades públicas. Pretende chegar a un ditame acerca de Deus e para iso é necesario estudar pormenorizadamente estes dous mundos e as súas correlacións.• Ideas básicas: tanto relixión coma ciencia só se recoñecen a si mesmas e considéranse superiores, considéranse verdades absolutas e irrefutables, fóra de toda dúbida. Nembargantes, existe unha realidade superior que engloba a ambos os mundos, a ética. A ética é a única posibilidade que ten a intelixencia humana para romper a lóxica do mundo e chegar a un imposible cotiá e humilde. Ademais, a ontoloxía ten pouco que dicir a todo isto, pero ese pouco é rotundo e indiscutible.
• Conclusión: A ética é unha realidade superior a ciencia e relixión, pois o concepto de ben é máis poderoso que o de verdade. Iso si, como é lóxico, tamén se nos presentan unha serie de conflitos éticos que deberemos superar mediante a forza, a razón e os sentimentos morais. Marina afirma a Deus como substantivación da dimensión divina da realidade, e polo tanto oponse a dúas das grandes relixións actuais: o hinduísmo (que fala dun Absoluto que é conciencia) e o cristianismo (que se basea nun Deus encarnado). Proclama moi necesario o avance cara as denominadas “relixións de segunda xeración”, que serían aquelas que conseguen liberarse do lixo histórico e que están máis preocupadas por divinizar a realidade que por evadirse divinamente dela. En definitiva, o autor é un home de fe que critica a conduta histórica e a forma de proceder de moitas relixións, pero que considera fundamental e divino o papel dos grandes profetas da humanidade, en especial o de Xesús.
• Comentario persoal. A relixión e o problema da divindade son dous dos temas cruciais que foron tratados ao longo da historia da filosofía e que forman parte do marco de coñecemento humano. Para Comte, a humanidade pasou por ata tres estados: o teolóxico, o metafísico e o positivo. Borges refírese a Deus como “o respectuoso caos de superlativos non imaxinables”. Nembargantes, para Kant simplemente Deus non existe, non se pode probar, e nesta mesma liña, Sébastien Faure escribiu “doce probas que demostran a non existencia de Deus”. E así con moitos máis filósofos e infinidade de obras. Para saber máis, aquí vos deixo algunhas páxinas de interese: Deus na tradición cristiá e Deus ao longo da historia da filosofía (esta, especialmente recomendada).
Lede este libro se vos gusta comprender mellor a complexidade labiríntica da realidade na que vivimos. O autor emprega gran cantidade de fontes de información, numerosas citas e notas aclaratorias que facilitan e dan empaque á lectura. Pódese dicir que esta foi a miña primeira experiencia cunha obra de ensaio, e que me deixou un gran sabor de boca, pois recollendo de aquí e de alá, sendo crítico neste ou naqueloutro aspecto e deducindo isto ou aquilo, penso que agora sería capaz de elaborar o meu propio ditame sobre Deus, que supoño será o obxectivo de todo aquel que se embarque nesta apaixonante viaxe.
Publicado por Pablo Romero. Venres, 4 de decembro de 2009.
Ningún comentario:
Publicar un comentario