martes, 24 de novembro de 2009

PROXECTO PARA O CLUB DE LECTURA DO I.E.S. OTERO PEDRAYO (OURENSE)

NOME DO CLUB DE LECTURA: “Ai, Ptolomeo, tolo meu!”.
Quérese significar con este título o recoñecemento a un dos máis grandes astrónomos da Humanidade, Claudio Ptolomeo; tamén a necesidade de ir máis alá do sentido común pero tamén de crebar coas marañas intelectuais, coas “árbores que, ás veces, non deixan ver o bosque”. Quere tamén render culto á obra de Copérnico, ao sentírmonos tan orgullosos no noso Centro de ter a “reliquia científica” dunha 2ª edición do seu revolucionario De revolutionibus orbium coelestium.

1. BREVE HISTORIA.
Desde o pasado curso 2008-2009, desde algunhas aulas de 1º de Bacharelato na asignatura de “Filosofía e Cidadanía” e desde a optativa de 2º de Bacharelato “Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía” iniciouse un proceso de fomento ou “invitación” á lectura a través da incorporación do procedemento da lectura “guiada” (a través dun cuestionario previo) de distintos libros dentro dunha lista ofrecida polo profesor desas materias. A experiencia foi un éxito. Os alumnos-as non só leron os libros recomendados e ofreceron –en moitos casos- suxestivas e atinadas valoracións persoais senón que esa experiencia tivo –nalgúns casos- continuidade no verán, tal como se reficten nos blogues persoais, verdadeiras bitácoras do desenvolvemento intelectual dos alumnos-as nestes eidos.
Durante este presente curso 2009-2010 xa tiñamos a pretensión de estender, ampliar e afondar nesa perspectiva e comezar a desenvolver un clube de lectura. A convocatoria á que presentamos este proxecto foi o definitivo desencadenante e maior acicate para a súa constitución formal.

2. FINALIDADES.

As finalidades máis globais e teóricas buscan fomentar e desenvolver –obviamente, en primeiro lugar- a competencia lingüística; pero non menos a competencia que busca “aprender a pensar” desde o momento no que a función básica e primordial do club consiste en que os alumnos-as tomen conciencia da nova realidade sociolóxica e xeopolítica e dos novos retos (éticos e filosóficos) que están a desenvolverse a partir do actual avance tecnocientífico.
En definitiva, esa finalidades máis globais concrétanse en animar aos alumnos e alumnas á lectura:
a) da máis recente literatura de divulgación científica sobre distintos aspectos das ciencias e das tecnoloxías;
b) de ensaio ético-filosófico acerca dalgunhas cuestións de que derivan do desenvolvemento da tecnociencia e o seu impacto nas sociedades actuais, no mundo entendido como unha realidade global e nos seus valores morais;
c) de distintas análises de reflexión sociolóxica acerca do pasado, presente e futuro da evolución científica e tecnolóxica; e mesmo
d) de obras de ciencia-ficción, onde atopar tamén algunhas claves para a reflexión crítica acerca dos límites, posibilidades e valores de distintas sociedades posibles.
4. ACTIVIDADES PREVISTAS.
a) En primeiro lugar, indicar algunhas propostas de diversas lecturas. Entre elas destacamos algunhas das obras de máis sona de Eduardo Punset; de J. Luis Arsuaga; de Javier Sádaba; de Richard Dawkins, Eduardo Galeano, James Petras,...; obras de teatro (Brecht), "recreacións prehistóricas" (Auel); utopías, distopías,... ciencia-ficción. Mesmo terá cabida algún libro en inglés (Brave New World de T. Huxley), entre outros.
b) Carteis ou paneis cos resumos e comentarios persoais sobre os distintos libros lidos nos corredores do Instituto.
c) Invitacións “abertas” para a presentar os resumes e valoracións dos libros lidos nas aulas de bacharelato, animando á súa lectura e comentario nos blogues.
d) Publicación nos blogues persoais das lecturas de cadaún dos alumnos e alumnas (aos que se pode acceder a través do “blog de entrada” á asignatura: http://arquimedesenourense0910.blogspot.com/).
e) Debates sobre algunhas das temáticas tratadas nos libros e noutros materiais escritos (xornais, revistas). Nalgúns casos estes debates xa están iniciados, como é o asunto acerca das posibles alternativas enerxéticas fronte ao esgotamento dos combustibles fósiles e o cambio climático –a raíz do premio Fonseca concedido a James Lovelock. Outros temas posibles para os vindeiros trimestres son algúns relacionados coa bioética e coas distopías.
f) Visionado dalgunha película ou documental, en especial, sobre algún aspecto do desenvolvemento da historia da ciencia ou da tecnoloxía (“Ágora” de Amenábar; “Galileo” de Liliana Cavani; ou a serie “Cosmos” de Carl Sagan) ou de ciencia-ficción (“Blade Runner” de Ridley Scott), xa en marcha.
g) Contacto permanente con algunhas páxinas web de divulgación científica, especialmente as derivadas das actividades de Eduardo Punset, xa en marcha.
h) Ter abertos canles para recibir noticias de interese acerca das últimas novidades de tipo científico ou tecnolóxico a través dos “alertas” que activaron nas súas contas de correo electrónico de Google, xa en marcha.
i) Elaborar desde a opción de “Libros” do portal de Google as súas persoais bibliotecas referidas a estas temáticas, dándoas a coñecer ao resto do grupo e -nas “xornadas abertas”- ao resto do alumnado e profesorado interesado.
6. ORGANIZACIÓN, FUNCIONAMENTO, HORARIO E CALENDARIO PREVISTO.
Dado que os membros integrantes do grupo son case única e exclusivamente os alumnos e alumnas matriculados na asignatura “Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía” e dado que dentro da programación da materia se inclúe como obxectivo e procedemento fundamental a lectura de libros relacionados con distintos aspectos desa asignatura, temos xa reservada unha hora lectiva (os mércores de 10:30 a 11:20) para a lectura e presentación de comentarios e exposicións sobre libros lidos ou sobre outros materiais bibliográficos.
Ademais coa publicación nos respectivos blogues e na páxina do grupo en Google http://groups.google.es/group/arquimedesenourense0910 dos distintos resumes e valoracións persoais (mesmo a través de presentacións en power-point ou de vídeos gravados polos lectores e lectoras) daremos pé á posibilidade de comentarios a través da web. Por outra banda, dado que dous alumnos-as doutras optativas amosáronse moi interesados en participar neste club de lectura, a comunicación con eles será a través deses medios ou nas reunións que a continuación indicamos.
Por último, temos previsto que no horario do primeiro lecer (10:10 a 10:30) dos segundos luns de cada mes, realizaríamos presentacións “abertas” deses resumes –previo anuncio nas aulas- para os alumnos e profesores que estivesen interesados.
7. MEDIOS PREVISTOS PARA A SÚA DIFUSIÓN ENTRE A COMUNIDADE ESCOLAR.
* Carteis ou paneis cos resumos e comentarios persoais sobre os distintos libros lidos nos corredores do Instituto. Invitacións ás “presentacións” dos libros.
* Publicación nos blogues persoais, xa en marcha, das lecturas de cadaún dos alumnos e alumnas.
* Publicación de resumes e valoracións na revista do IES, Rañolas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario