A ciencia como unha luz na escuridade.
"Sempre que afloran os prexuízos étnicos ou nacionais, en tempos de escaseza, cando se desafía á autoestima ou vigor nacional, cando sufrimos polo noso insignificante papel e significado cósmico ou cando ferve o fanatismo o noso arredor, os hábitos de pensamento familiares de épocas antigas collen o control. A chama da vela pestanexa. Treme a súa pequena fonte de luz. Aumenta a escuridade. Os demos empezan a axitarse”.
Carl Sagan. Seguramente, non é a primeira vez que oídes falar del. Ben sexa polos seus libros, pola súa extraordinaria serie documental de divulgación científica “Cosmos”, como inspiración para outras persoas ou ben polas súas crenzas na vida extraterrestre, entre outras cousas. Naceu en Estados Unidos e foi un pioneiro e popular astrónomo, exobiólogo, físico e divulgador científico en todo o mundo. En recoñecemento do seu labor científico fóronlle outorgados numerosos premios polas súas aportacións ao pensamento humano. Entre eles, a medalla da NASA en dúas ocasións e o galardón máis importante da Academia Nacional de Ciencias de Estados Unidos: a medalla ao mérito público (Public Welfare Medal). No ano 1980 é cando presentará a serie televisiva “Cosmos”, composta por trece capítulos que darían lugar ao libro do mesmo nome, líder de vendas en 60 países converténdose así no libro de ciencia máis vendido do século pasado. Numerosos premios queren recordar hoxe en día o que unha vez este home deulle á humanidade, e, por iso unha asociación como a Division de Ciencias Planetarias (DPS) da Asociacion Astronómica Americana (AAS) outorgan ano tras ano unha medalla que leva o seu nome, ao mérito da divulgación científica en ciencias planetarias, é a Medalla Sagan. Así mesmo, quíxoselle homenaxear dándolle o seu nome ao lugar de aterraxe da Mars Pathfinder no seu planeta máis botado de menos despois da Terra, Marte. O lugar recordarase sempre como a Estacion Carl Sagan Memorial. O asteroide 2709 Sagan tamén recibe o seu nome....
Obxectivo do libro. Poucos meses antes da súa morte Carl Sagan publica “O mundo e os seus demos” como testamento, o mensaxe final para un mundo sumerxido cada vez máis na superstición. Deixa ben claro o que significa ciencia e mostranos que a verdade pode ser tan sorprendente, pero moito máis fiábel, como os falsos prodixios basados na relixión, nas supersticións, nos mitos ou, simplemente, na ingnorancia.
Destaca a necesidade de posuír uns coñecementos científicos mínimos para poder combater os demos que nos axexan dende moitas frontes, un deles o das chamadas paraciencias. Sagan incita ao pensamento crítico e ao escepticismo, axustándose á idea de Goethe de que “non hai nada máis triste que a ignorancia en acción”. A segunda parte do título do libro compara a ciencia cunha vela que ilumina a escuridade, que é a ignorancia; cre, como di un proverbio inglés, que cando se está a escuras é mellor acender unha vela que proferir unha maldición.
Respecto á estrutura do libro… Aínda que os capítulos do libro poden lerse como unidades de información sen unha orde predeterminada, hai certa coherencia na orde en que están distribuídos.
Vai dende referencias autobiográficas onde mostra o seu lado humano ao lector ata desmonta algúns mitos sobre temas que tiveron enganada a poboación, como a presenza de ovnis e extraterrestes que practican «abducións» a pacíficos habitantes do noso planeta, seducen mulleres e deixan as pegadas do seu paso pola Terra en forma de círculos sobre as sementeiras; os falsos poderes de curandeiros e as presuntas propiedades curativas do magnetismo; os supostos beneficios da meditación transcendental e das doutrinas da Nova Era; a aparente base científica da astroloxía; a hipotética presenza entre nós de endemoñados e bruxas e dos espíritos das persoas falecidas, etc. Sagan móstranos logo o camiño para que saibamos descubrir a falacia e desmontar enganos, xa que non hai campo da ciencia que non teña o seu complemento pseudocientífico.
Dedica uns capítulos dedicados á educación científica (dous deles escritos en colaboración coa súa segunda esposa, Ann Druyan), a comunicación da ciencia e a visión do científico por parte da sociedade. Advirte dos perigos do analfabetismo científico, cuxas consecuencias poden ser moito máis perigosas agora que en calquera outro momento da historia. Cre que o ser humano ten unha inclinación pola ciencia e que afastar dela os nenos é privalos dun dereito e despoxalos das ferramentas necesarias para manexar o seu futuro. Propón algunhas solucións para mellorar a comprensión da ciencia e, coñecedor do gran poder da televisión pola súa propia experiencia coa serie «Cosmos», suxire este medio como o sitio ideal para comenzar.
Os dous últimos capítulos encerran un contido político. Aínda que deixa claro que a política non é unha ciencia, unha actitude escéptica pode ser conveniente. E a política pode ás veces beneficiarse do método científico. A súa mensaxe final é o desexo que os cidadáns de calquera país se formen no método científico e na democracia.
A miña valoración polo tanto é… Esta estructura en partes diferenciadas e sen seguir realmente unha orde determinada resultoume unha forma amena, interesante e vivaz de ler un libro de gran interese e densidade en contidos coma este. “O mundo e os seus demos” dannos explicacións lóxicas, fainos honestos, fainos adoptar unha actitude crítica e ver a vida con escepticismo.
Quedeime sobre todo cun fragmento do libro que me chamara moito a atención: "Na ciencia adoita acontecer que un científico diga `é un bo argumento, eu estaba equivocado´, cambie de opinión e dende ese momento non se volva mencionar a antiga posición. Realmente pasa. Aínda que non tan frecuentemente como debería xa que os científicos son humanos e, o cambio é, ás veces, doloroso. Pero acontece cada día. Non recordo a última vez que algo así pasara na política, na relixión ou nas pseudociencias".
Carl Sagan ten coidado en nunca atacar as persoas que manteñen esas crenzas. Como ser humano comprende as necesidades humanas de entender o mundo (aínda que sexa simplificándoo ata facelo irrecoñecible) e de transcendencia (aínda que sexa supoñendo estrañas influencias de certos astros). Este admite que lle gustaría crer que dalgunha forma unha parte dos seus pais segue viva. Pero tamén deixa claro que dende o seu punto de vista un consolo ilusorio non é consolo.
Le este libro se… sintes curiosidade. Curiosidade polo mundo que nos rodea, o noso pensamento, a nosa sociedade… Este libro, na miña opinión, vaiche abrir a mente, quitarache o velo dos ollos e verás un pouco máis alá das cousas, buscando o porqué e o seu sentido. Como xa dixen, é un libro denso en contidos pero narrado dunha forma vivaz, cautivadora e que ao rematar de lelo aínda queres máis, máis reflexións, máis explicacións lóxicas e fantásticas que nos da Carl Sagan. Anímovos a lelo, realmente merece a pena e logo xa comentaredes que vos pareceu! É unha pena, pero non puiden mercalo porque xa non quedaban, a última edición foi no 2005, pero podédelo descargar en internet en formato PDF ou en calquera biblioteca da cidade atoparédelo. Serva de despedida e recordo esta cita do autor:
“Dámoslle sentido ao mundo pola valentía
das nosas preguntas e pola profundidade das nosas respostas”.
Publicado por Lucy Villar Whyte para o club de lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense: "Ai, Ptolomeo, tolo meu".
Ningún comentario:
Publicar un comentario