Paolo Giordano. Así se chama o seu autor e malia ser licenciado en física, realizou unha obra moi recomendable para a súa lectura.
Alice e Mattia, protagonistas da obra, son dúas persoas moi diferentes, pero á vez non tanto, pois os feitos que lles suceden na súa infancia condicionarán a súa vida. Alice (que odiaba o esquí) era obrigada polo seu pai, a asistir a unha escola de esquí. Unha mañá, lonxe dos seus compañeiros, sáese da pista e ten un grave accidente rompendo unha perna. Tras o accidente, Alice permanece soa e incapaz de moverse.
Mentres Mattia, un rapaz moi intelixente, ten unha irmá xemelga, Michelle, que ademais é atrasada. A dificultade que ten Michelle para relacionarse coa xente provoca que o seu irmán Mattia se vexa inhibido cara aos seus compañeiros, o que fixo que o día que o invitaron a un aniversario marcase un antes e un despois na súa vida, posto que ese día, ante a vergoña que lle puidese causar a súa irmá diante dos seus compañeiros, decidiu deixala nun parque sen saber que ese momento ía ser o último que ía ter ao lado da súa irmá. E así transcorre esta obra, creándoche unha sensación de pena no estómago, unha sensación nostálxica, triste en todo momento e, sobre todo, moi profunda.
Como dixo Alice na súa vinganza a Viola (unha antiga compañeira do instituto) “as decisións tómanse nuns segundos e páganse o resto da vida” e así é, posto que en momentos como no que Mattia recibe unha oferta do estranxeiro e, estando disposto a rexeitala por Alice, esta acode á súa casa e por un malentendido faille entender a este que nada o retén neste lugar, o que provoca que Mattia, coa súa personalidade enormemente introvertida, non se atreva a dicir nada e decida aceptar a oferta de traballo.
As vidas de Alice e Mattia son como eses números especiais que os matemáticos chamaron "números primos xemelgos". Por exemplo, o 11 e o 13, o 41 e o 43. Son parellas de números que están case xuntos pero entre eles existe sempre un número par que lles impide tocarse. Iso mesmo é o que pensa Mattia en relación a Alice: que as súas vidas son como eses números primos e que eles son como primos xemelgos, fortemente unidos na súa soidade, pero coa imposibilidade de tocarse.
Hai momentos nos que este libro ten a intención de tocar o profundo das persoas, e esta metáfora é un deses momentos. Se nos paramos a pensar nos que nos di sobre o 11 e o 13, o 41 e o 43 vemos que son números primos, e isto provoca que só sexan divisibles por 1 e por si mesmos, pero cada vez eses números vanse facendo máis grandes e máis separados, ata chegar a números illados, afastados, e ese é o momento no que podemos facer unha comparación entre estes peculiares números e as persoas. Desgraciadamente, hai persoas, moitas, que se senten soas, que non teñen a ninguén, son marxinados. Pero non están sós, xa que como nos di nunha liña do libro: “E no momento que parece que xa non hai máis, que el é o último, aparece a parella do anterior”.
Todos tivemos, nalgún momento da nosa vida, un momento de soidade que fai que poidamos entender o que se nos quere transmitir nesta obra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario