domingo, 20 de febreiro de 2011

"El viaje a la felicidad" de Eduardo Punset... por Rubén Pérez.

Nun dos capítulos cóntanos que hai pouco máis dun século a esperanza de vida seguía sendo de trinta anos: o xusto para aprender a sobrevivir, se se contaba coa sorte, e culminar o propósito evolutivo de reproducirse. Non había futuro nin, polo tanto, a posibilidade de exporse un obxectivo tan insospeitado como o de ser felices. Agora por primeira vez a humanidade ten futuro e exponse, loxicamente, como ser feliz.
No último capítulo Punset dános a súa ecuación para poder calcular o grao de felicidade dun ser humano nun momento dado. Aínda que poderiamos precisar máis e dicir “dun sistema biolóxico”, posto que o autor sostén que os animais tamén poden ser felices, incluídos os unicelulares, como as amebas.
A fórmula é: F=E(M+B+P)/R+C
F é a felicidade; E as emocións implicadas nas nosas accións; M os recursos e o custo enerxético do mantemento do noso organismo; B é a procura de novos horizontes (intelectuais, emocionais, profesionais, etc.); P é o parámetro que define as relacións interpersoais. R sería o símbolo que representaría aos factores externos reductivos da felicidade. C sería o representante dos factores internos que levan á diminución da felicidade, tales como as mutacións xenéticas lesivas que producen enfermidades congénitas, o desgaste celular e o envellecemento que conducen á morte, a tensión,...
Punset sostén que ata agora o ser humano non puido ser feliz de verdade porque se deixou influenciar polas tradición platónico-aristotélica que fixo primar o predominio da racionalidade sobre a emotividade, dando moita máis importancia aos factores intelectuais e racionais que ás emocións.
Tamén define a felicidade como a ausencia de medo. Fai varios estudos e experimentos para tratar de explicar a felicidade un deles é “o experimento de Seligman”. Consistía en someter a cinco ratos cada un no seu cubículo, a unha intensa descarga eléctrica totalmente aleatoria. Un deles tiña no seu espazo unha panca que, movida con acerto, desconectaba a corrente eléctrica de todos os ratos. Ao final do experimento, todos os ratos recibiran o mesmo número de descargas e da mesma intensidade. Ás seis semanas, o sistema inmunitario de catro ratos desmoronárase; o seu sistema emocional estaba exhausto e a depresión acabou coas súas vidas. O rato que dispuña da panca morreu igual que os demais, pero meses despois.
Eu persoalmente non creo que a felicidade se poida demostrar só mediante unha simple fórmula, nin que antes non se puidese ser feliz pola curta esperanza de vida. É un libro interesante pero quizais un pouco atrevido á hora de afirmar unha fórmula para a felicidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario