martes, 12 de xaneiro de 2010

"Historia Natural de las Religiones" de David Hume... por Pablo Romero Vilarchao

Historia natural de las religiones (1757) é un ensaio do filósofo escocés David Hume (1711-1776), no que reflexiona acerca da orixe natural e do desenvolvemento primixenio das relixións na historia da humanidade. Aquí vos deixo a páxina web de wikipedia, na que ademais da súa biografía, filosofía, obras...poderedes atopar numerosos enlaces en inglés, que por outra banda, non nos vén nada mal para potenciar o coñecemento de idiomas e do que era o plan orixinal da materia. Tamén outra páxina, en galego, por certo, na que temos textos, exercicios, curiosidades, etc. E por último, dous vídeos: o primeiro, realizado por alumnos coma nós de 2º de bacharelato, e o segundo, en galego.
Obxectivo: o que pretende Hume é demostrar que en ningún caso o teísmo é a relixión primaria da humanidade, senón o politeísmo. As primeiras ideas de relixión xurdiron a partir dunha preocupación polos sucesos da vida cotiá e das incesantes esperanzas e temores que afectan á alma humana. Estes ollos inquedos e asombrados foron os que albiscaron as “primeiras, escuras trazas de divindade”.
Ideas básicas: o espírito relixioso é incompatible coa personalidade de Hume, que non se limitou a pensar que a relixión sexa de dubidosa validez, senón que máis ben é un grave erro de “maligna influencia no xénero humano”. Distingue dous tipos de relixión: 1) actividade cuxa misión é reformar a vida das persoas, purificar os seus corazóns, reforzar toda obriga moral e asegurar a obediencia ás leis; e 2) como superstición e fanatismo. Así, para Hume, a relixión fracasou na súa misión esencial, ao non ter sido capaz de constituírse en fundamento moral. Como consecuencia, Historia natural de las religiones resulta ser unha defensa dos deberes morais fronte ao fanatismo doutrinario.
Por outra banda, critica duramente ao politeísmo, aos presocráticos e á escolástica. Ao politeísmo porque detrás destas grandes obras da natureza coas que estamos familiarizados, hai un só autor, “soberano e intelixente”. Aos presocráticos porque eran absolutamente ateos, xa que atribuían a orixe do mundo a forzas da natureza (auga, lume, aire...). Os primeiros teístas foron Anaxágoras e Sócrates, e precisamente por isto foron considerados impíos e incrédulos. Tamén se opón radicalmente a Homero, Hesíodo e ás súas alegorías, pois estaban “totalmente equivocados”. Á escolástica porque “toda teoloxía ten unha especie de apetito por todo o que é absurdo e contraditorio: ha de provocarse o asombro a toda costa, ha de fabricarse o misterio...”. As acusacións de herexía sempre recaerán sobre aqueles que defenden os principios da razón.

Outro aspecto no que afonda o autor escocés é na ignorancia, para el “causa de toda devoción”, e a través da cal foron atribuídas calidades humanas á divindade. Canto máis irracional e difícil de crer é unha doutrina relixiosa, máis facilmente atopa o apoio do pobo, que se ofende cando as súas crenzas son cuestionadas. Os nosos temores naturais preséntannos a noción dunha deidade diabólica e maliciosa, pero a nosa propensión á adulación lévanos a crer nun ser excelente e divino. “Atrocidade” e “capricho” constitúen o carácter dominante da divindade nas relixións populares, e son fomentadas polos sacerdotes. Os principios relixiosos que prevaleceron no mundo non son máis que “soños de enfermo”, fantasías.
Conclusión: a postura de Hume ante a relixión é descaradamente atea, escéptica e non crente (con relación ao establecido durante a época que lle tocou vivir). Para el, os principios nos que se basea o politeísmo son absurdos, pero a pesar de todo, este ten a virtude de recoñecer nos deuses doutras nacións unha parte de divindade. Aínda que defende o teísmo, este ten como inconveniente os vicios e prexuízos da humanidade ademais de que, cando a filosofía se ve desprazada pola teoloxía, chega a ser unha especie de serva desta. Todo isto lévano a afirmar: “a intolerancia de todas as relixións que manteñen a unicidade de Deus é tan notable coma o principio de tolerancia dos politeístas”.
Comentario persoal: foi un reto para min enfrontarme a un ensaio dun deses autores que pasaron a formar parte da historia da filosofía a partir do desenvolvemento do seu intelecto, sobre todo porque nun primeiro momento cheguei a pensar que ía ser unha obra aburrida ou que non ía entender nada. Pero unha vez máis, equivocábame. Hai que sinalar que Hume fixo un grande esforzo para que a súa obra fose de fácil comprensión, clara, concisa e que todo o mundo pode ler. Moitas son as curiosidades que se desprenden de Historia natural, como cando chega a afirmar que “a Virxe María, despois da Reforma, pasou de ser unha boa muller a usurpar moitos atributos que son propios do mesmo Deus”, que “o asasinato ilegal dun home a mans dun tirano é máis grave que a morte de mil por causa dunha peste ou mal que afecte a todos”, ou que “a máis absurda das relixións é aquela na que os fieis comen á súa divindade despois de tela creado”. Cada unha destas tres afirmacións é unha frecha dirixida á Igrexa Cristiá Católica de Roma, e nelas lembra a manipulación de costumes e conceptos relixiosos que supuxeron as Reformas, acórdase da barbarie da Inquisición e búrlase dos ritos e dogmas litúrxicos. Vamos, que non ten desperdicio!

Publicado por Pablo Romero Vilarchao para o Club de lectura: "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES Otero Pedrayo de Ourense.

1 comentario:

  1. Sen dúbida que Pablo se atreve coa lectura dos clásicos, sempre na procura da resposta as cuestións máis arduas da reflexión filosófica. Noraboa, Pablo.

    ResponderEliminar