martes, 6 de decembro de 2011

"Historia do tempo" de Stephen Hawking ... por Andrea Fernández Novoa.


Cando vin por primeira vez a Stephen Hawking na televisión falando do Universo, a ignorancia como unha cativa que era levoume a compadecerme del, véndoo sentado na súa cadeiriña de rodas e falando (baixo a miña ignorante perspectiva) como boamente podía. A seguinte vez que o volvín ver foi na serie Os Simpsons, pero esta vez plantexeimo dun xeito distinto, xa que se saía nos bonecos que a min máis me facían rir, tiña que ser por algo (Que facía falando sobre o Universo con Lisa Simpson?). Moito tempo despois coincidín de novo con el mentres facía zapping falando sobre os cambios nas estrelas do Universo, e sendo consciente xa do seu galardón Premio Príncipe de Asturias e dous máis tamén importantes nos últimos anos, comprendín canto de importante estaba a ser esta figura para o mundo da física e do cosmos, e despois de ler (penso que non é o termo correcto posto que hai numerables conceptos que non acabei de entender ben, a pesar de que hai algúns explicados para principiantes) este libro, vexo como se pode desenvolver a mente humana, cantos temas pode abarcar sen apenas ter información deles, con qué rapidez pode asociar os conceptos que vai aprendendo cos que están xa aprendidos e sobre todo o seu fin, para qué emprega tanta enerxía e tempo en investigar: para resolver as preguntas polas que tantas persoas máis indagan… cal é a orixe do noso Universo, saber con exactitude as leis que rexen a dinámica da ciencia, da física cuántica e entre as moléculas, etc. Non é que empezase a buscar desesperadamente información sobre el e as súas obras, pero si a prestar moita máis atención cada vez que escoitase o seu nome. Quizais é que reflexiono e lle dou demasiadas voltas ao que nos sucede no día a día, pero se hai algo que me fai ver que ignorante son/somos, son as vidas de persoas como Stephen W. Hawking quen, a pesar da súa enfermidade (ELA ou esclerose lateral amiotrófica) conseguiu a Licenza en Física e, cando un médico lle diagnosticou dita enfermidade e a morte próxima deixándoo sen tempo para que acabase o doutorado no que estaba traballando, descubriu o seu enorme interese na investigación e acabou dito grado universitario, para despois traballar na Teoría Xeral da Relatividade e demostrar posteriormente que os buracos negros emiten radiación, na orixe do Universo, etc. El mesmo recoñece neste libro que o ELA non foi para el unha desvantaxe, xa que é afortunado no resto dos aspectos da súa vida. Formando parte da Real Sociedade de Londres ,da Academia Pontifica das Ciencias e da Academia Nacional das Ciencias dos EEUU, é a partir desta época cando comeza un refacho produtivo de obras científicas, infantís, películas, documentais e series que non fan máis que explicarnos as súas hipóteses e axudarnos un pouco máis a comprender as nosas procedencias (atomicamente) e ver que aínda que nós, incautos humanos, nos situamos na cúspide do sistema biolóxico que nos rodea, nin somos tan importantes aí nin significamos practicamente nada, moito menos, para o xigante escuro que abraza o noso planeta.
Reflexión da obra. Podemos abarcar amplos e amplos campos da ciencia: matemáticas, todo tipo de físicas (cuánticas, de partículas, etc.), reaccións moleculares en todas as formas que compoñen a materia do Universo; podemos coñecer todas as ecuacións de movementos atómicos, vectoriais, as masas dos planetas, as dimensións das galaxias, os xiros das estrelas, as radiacións dos buracos negros; podemos comprender todo isto e afondar moitísimo máis se seguimos con este potencial de investigación. Pero deste libro non só me quedei ca idea ou cos coñecementos mínimos que hai que ter para entender o cosmos, senón que hai que ter sempre presente que a filosofía (a filosofía persoal é á que intento referirme, á parte subxectiva) é a que nos permite ou non seguir coñecendo. É coa que, desde o meu punto de vista, decidimos seguir investigando ou non, seguir traballando para chegar á conclusión seguinte ou non, é dicir: seguir crendo ou non. É cada un o que decide seguir lendo ou quedarse aí, parar, porque para él ou ela, a verdade o é ata esa palabra e non ata a seguinte e é por iso que Hawking reflicte tan ben o seu punto de vista en prácticamente todos os capítulos deste libro, embarcándose na procura da resposta a si Deus tivo cabida á hora de crear ese algo polo que a nosa raza leva séculos intentando explicar (esta mesma pregunta tamén formulada e analizada polo propio Einstein). Entón tamén é un libro acerca de Deus ou, pola contra, da súa ausencia. Son autores e libros así os que motivan a un a seguir lendo e crecendo no campo da física, das leis que rixen o Universo, do Universo mesmo… e do trasfondo que cada un queira extraer del.

Ningún comentario:

Publicar un comentario