venres, 26 de novembro de 2010

La venganza de la Tierra de James Lovelock... por Sara Vázquez

O arrequecemento global, un tema moi usado estes últimos anos. Pero poida que chegue ás bocas de todos demasiado tarde. As desesperanzadas teorías de James Lovelock afírmano. Este, agora recoñecido científico, anunciaba fai décadas nosa rápida destrución da Terra coa hipótese Gaia, denominada así en honra á deusa da Terra. Esta teoría, tamén defendida por Lynn Margulis, postula que o noso planeta actúa como un organismo vivo, actuando no seu propio beneficio, auto regulando as súas condicións esenciais como a temperatura ou a súa composición química.
''A Terra é unha tía moi dura'' declara J. Lovelock “pero non aguanta o noso peso”.

O noso mundo está enfermo, e nós somos o virus que o está matando. Sen querelo, declarámoslle a guerra a Gaia. Así que, chegará un día en que ela se canse e opte por recuperarse cunha nova glaciación, como xa fixo antes.
Pero, como parar isto? Como curar a Gaia? O primeiro paso para arranxalo é recoñecer o problema. Temos que comprender a cuestión, sacar as conclusións correctas e despois facer algo respecto diso. Pero segundo os coñecedores no tema, cruzamos o punto de non retorno. Xa pulsamos o botón da catástrofe. O arrequecemento global, e en consecuencia o desxeo , é un dano irreversible. Aínda así, se reducísemos ao mínimo as emisións de CO2 poderiamos diminuír a subida de temperatura evitando así os estragos como a subida do nivel do mar ou a desaparición da vida mariña. Con todo non podemos apagar a nosa civilización baseada nos combustibles fósiles e no alto consumo de enerxía sen estrelarnos. E aínda crendo que iso fose posible a Terra tardaría mais de mil anos en recuperarse por completo.
Todo o egoísmo humano tratou de utilizar a Gaia no seu único e exclusivo beneficio. Explotándoa pensando na nosa comodidade e intereses. Por isto, agora ela ameázanos coa pena capital: a extinción. As probas chégannos dos observatorios de todo o mundo e fálannos dun cambio inminente no noso clima cara a outro que pode ser facilmente descrito como un inferno: tan quente, tan letal, que só un puñado dos miles de millóns que hoxe poboan o globo sobrevivirán. A pesar das nosas intencións deixamos o planeta feito un desastre. E ata agora, cando xa divisamos o final, seguimos falando de desenvolvemento sostible e enerxías renovables, coma se Gaia fose considerar esas pobres ofrendas como un sacrificio aceptable.


Ningún comentario:

Publicar un comentario