Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) é escritor. Entre as súas obras máis destacadas encóntranse Polaroid (1986) -premio da Crítica de Galicia-, Land Rover (1988), Tic-Tac (1993) -premio da Crítica Española-, Conta saldada (1996) ou Calzados Lola (1997) -Premio “Blanco Amor” de novela. Publicou, ademais, reportaxes, artigos e ensaios. Recentemente anunciou a súa retirada da escritura profesional para dedicarse á docencia.
O obxectivo do libro é achegarnos ó mundo celta e ás lendas e costumes para que non se perdan no esquecemento. O autor afirma que se atopou con dous corvos que lle contaron toda a historia dos celtas, das sucesivas conquistas, dos heroes, dos deuses… A partir desa "licenza literaria", Suso de Toro quere facernos ver que dos celtas sempre se saberá moi pouco pero que ten máis que ver coas crenzas, cos sentimentos e cos estados de ánimo. Afirma que poderiamos aprender moito dos celtas, xenerosos, valentes, con honor e cun profundo amor pola vida.
Como ben indica o subtítulo o libro é unha viaxe no tempo pola cultura celta, polas súas lendas. É unha mostra moi interesante de cómo era aquel pobo e como vivía. Conta as lendas irlandesas e as versións que delas se fixeron, como a que di que os celtas de Irlanda foron dende Galicia despois de que Ith a albiscara dende a torre de Brigantia. Ademais tamén fala do celtismo en Galicia resaltando a figura de Eduardo Pondal, un dos máis fieis defensores da “nazón de Breogán”.
LE ESTE LIBRO… se che interesa o mundo dos celtas, das civilizacións míticas de tempos pasados envoltas nun halo de misterio debido ó gran descoñecemento que temos delas. Le este libro se queres saber algo máis dese pobo que deixou a súa pegada por toda Europa e tamén en Galicia. É un libro moi interesante que te sorprenderá coas historias de heroes e as súas fazañas.
Publicado por Raquel Losada García para o Club de Lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense, "Ai, Ptolomeo, tolo meu".
Publicado por Raquel Losada García para o Club de Lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense, "Ai, Ptolomeo, tolo meu".
Ningún comentario:
Publicar un comentario