martes, 27 de abril de 2010

"Cosmos" de Carl Sagan ... por Tamara Mangana Blanco.


Carl Sagan naceu en Nova York en 1934, graduouse en Física na universidade de Chicago en 1955 e obtivo o doutoramento en Astrofísica en 1960. Colaborou coa NASA durante 30 anos en programas de investigación planetaria como Mariner e Voyager e publicou numerosos traballos relacionados co mundo da astronomía. Pero non será até 1980 cando presentará a serie televisiva Cosmos, composta por trece capítulos que darían lugar ao libro do mesmo nome que foi líder de vendas en 60 países converténdose no libro de ciencia máis vendido do século pasado. Sagan morreu en 1996 debido a unha fatal enfermidade que lle fora diagnosticada dous anos antes.
Na beira do océano cósmico.
O primeiro dos 13 capítulos que compoñen a serie, introdúcennos de cheo na vida real, na que Carl Sagan proporanos unha viaxe na nave “Imaxinación” que nos levará a descubrir os misterios do Universo, dándonos así a coñecer fenómenos cósmicos tales como as supernovas, as estrelas ou os quásares.
Emprendemos a viaxe polo cosmos que, guiado polas mesmas leis físicas en toda a súa extensión, móstranos o conxunto de estrelas que forman un quásar, que engole galaxias máis pequenas á súa vez. Introdúcenos o concepto de ano-luz, termo que empregará para as súas explicacións.
Podemos apreciar o ciclo de vida dunha galaxia, que nace e desenvólvese como un ser vivo, e que ao morrer estalan liberando unha gran cantidade de enerxía que produce un enorme eco ao longo da inmensidade cósmica que incinerará estrelas e planetas próximos ao seu paso.
Tamén se pode dar a explosión dunha das estrelas que compoña dita galaxia, facendo que o seu brillo se distinga por encima da propia galaxia.
Na nosa peculiar viaxe vemos un “grupo local”, conxunto de 20 galaxias que ocupan unha superficie de 3.000.000 de anos-luz. Achegámonos á nosa galaxia, a Vía Láctea, unha galaxia espiral de 100.000 anos-luz de diámetro. Nesta, como en calquera outra, pódense apreciar as supernovas, restos de estrelas que se destruíron a si mesmas, ao acabar o seu ciclo estelar. No centro da estrela destruída atópanse os seus restos, os denominados púlsares, soles que viran sobre se mesmo emitindo un feixe de luz dúas veces por segundo con gran exactitude, actuando como faros naturais. Isto facía pensar en formas de vida extraterrestres. Os púlsares son a proba de que as estrelas tamén morren. Nas galaxias, as estrelas máis quentes adoitan morrer antes, mentres que as xigantes vermellas teñen unha longa vida e non posúen planetas que circulen ao redor delas. As estrelas máis comúns son as ananas amarelas, como o Sol. Ao comprobar a inmensidade de sistemas planetarios, preguntámonos acerca da existencia de intelixencia extraterrestre e a súa forma de vida. Nos criadeiros de estrelas, as estrelas fórmanse a partir da unión de gas e po a temperaturas tan altas que os fan brillar.
Eratóstenes e a medida da circunferencia terrestre.
No antigo Exipto, Eratóstenes (século III a.C.) foi astrónomo, matemático e historiador. Tamén foi director da gran biblioteca de Alexandría, centro cultural do mundo antigo.
Eratóstenes quixo calcular a circunferencia terrestre fixándose nas sombras que proxectaban dúas obeliscos nas súas respectivas cidades separados por 800 Km. Contratou un home que medise a distancia entre as dúas cidades, analizou a sombra que proxectaban os obeliscos e chegou á conclusión de que as sombras tiñan diferente lonxitude debido á curvatura da Terra, e que canto maior fose a curvatura maior sería a diferenza de lonxitude. Calculando a amplitude do arco formado polos obeliscos (7º, a cincuentava parte dunha circunferencia) e a distancia entre as dúas cidades (800 Km), deduciu que a circunferencia terrestre debía medir un 40.000 Km, unha medida moi exacta tendo en conta os rudimentarios métodos da época que Eratóstenes utilizou.
A biblioteca de Alexandría.
A cidade de Alexandría posuía unha gran biblioteca, na que se reunían os grandes intelectuais da época. Sagan lévanos á biblioteca mediante unha viaxe do tempo á súa época de maior esplendor, onde se fraguou o inicio da aventura espacial. Estudaban o cosmos e moitas máis ciencias, como Euclides, que se dedicou ao estudo da xeometría e Hiparlo, que estudou as estrelas e as constelacións. Os organizadores da biblioteca iniciaron unha colección de pergamiños que, requisados aos seus donos, eran copiados e devoltos aos seus donos, aumentando así o saber da civilización exipcia. No momento de maior esplendor calcúlase que a biblioteca chegou a posuír preto dun millón de pergamiños, que foron destruídos e dos que só se conserva un pequena parte. Moitos astrónomos postularon as súas teorías en libros que se destruíron coa biblioteca, como Aristarco de Samos, que dixo que os planetas viraban ao redor do Sol.
Sagan fai un breve resumo da idade do Universo nun ano cósmico de 15.000 millóns de anos, tomando como escala o minuto, que equivalería a 30.000 anos da idade terrestre. Sitúa a formación da Vía Láctea e a Terra, o nacemento da especie humana, o descubrimento do lume, a produción de ferramentas e o éxodo rural, entre outros acontecementos dignos de sinalar na historia da humanidade.
Finalmente, deixa un final aberto dándonos a nós a responsabilidade do que pase no próximo ano cósmico desde o primeiro segundo deste próximo ano.
A favor do libro...
- A claridade, sinxeleza, contextualización e linguaxe cos que Sagan adoitaba escribir cada un dos seus libros.
- Percorre, de maneira sumamente amena, importantes coñecementos actuais de moitas ramas ciencias da natureza (Astronomía, Cosmoloxía, Antropoloxía biolóxica, Física, Ciencias da Terra, Bioloxía, etc. e de certas humanidades, como Historiografía universal e da Ciencia, Antropoloxía, Arqueoloxía.
- Fai un paneo xeral da evolución do universo e da vida desde o Big Bang até a época actual.
-Fai reflexionar acerca do insignificante da posición do home no Universo. Dito doutra maneira, "pon ao ser humano no seu lugar".
En contra do libro...
-Moi illadamente, só moi illadamente, inclúe algúns indicios de subxectividade, nun nivel superior ao aceptado pola altura do autor.
-É tan útil e sorprendente que lle deixa a un a sensación sen carga cando se termina, debería ser mais extenso, aínda que non o é pouco.
Valoración final.
Considerado un do libro de divulgación científica máis importantes da historia (e teñen motivos para consideralo así), é unha obra de lectura obrigatoria por toda persoa interesada no coñecemento xeral, e mais aínda aqueles que se interesen anque só sexa minimamente pola ciencia, a natureza e o mundo que nos rodea. Debería ser de lectura obrigatoria nas escolas, para reflexionar acerca da natureza do ser huamno, o seu lugar e o seu insignificancia no Universo e tratar de ocupar realmente o lugar que nos merecemos e non tratar de convencernos de que somos os donos do mundo, da natureza e que podemos facer o que queiramos ou que somos omnipotentes, diametralmente oposta a isto é a nosa posición no universo.
Algunhas citas:
- "A nosa lealdade é para as especies e o planeta. A nosa obriga de sobrevivir non é só para nós mesmos senón tamén para ese cosmos, antigo e vasto, do cal derivamos."
- "Afirmacións extraordinarias requiren sempre de evidencia extraordinaria. "
- "Ás veces creo que hai vida noutros planetas, e ás veces creo que non. En calquera dos dous casos a conclusión é asombrosa. "
- "Cada esforzo por clarificar o que é ciencia e de xerar entusiasmo popular sobre ela é un beneficio para a nosa civilización global. Do mesmo xeito, demostrar a superficialidade da superstición, a pseudociencia, o pensamento new age e o fundamentalismo relixioso é un servizo á civilización..."
- "Como pode a ascendencia de Marte no momento do meu nacemento influír sobre min, nin entón nin agora. Eu nacín nunha habitación pechada, a luz de Marte non podía entrar. A única influencia de Marte que podía afectarme era a súa gravitación, con todo a influencia gravitatoria do tocólogo era moito maior que a influencia gravitatoria de Marte. Marte ten maior masa, pero o tocólogo estaba moito máis preto".
- "Despois de todo, cando estás namorado, queres contalo a todo o mundo. Por iso, a idea de que os científicos non falen ao público da ciencia paréceme aberrante".
- "O cosmos é todo o que é, todo o que foi e todo o que será. Nosas máis lixeiras contemplacións do cosmos fannos estremecer: sentimos como unhas cóxegas, énchennos os nervos, unha voz muda, unha lixeira sensación como dun recordo afastado ou coma se caésemos desde gran altura. Sabemos que nos aproximamos ao máis grande dos misterios".
- "O estudo do universo é unha viaxe para auto descubrirnos."
- "O universo non foi feito a medida do home; tampouco lle é hostil: É indiferente."
- "Na ciencia adoita ocorrer que un científico diga: `É un bo argumento, eu estaba equivocado´, cambiei de opinión e desde ese momento non se volva a mencionar a antiga posición. Realmente pasa. Aínda que non o frecuentemente que debería xa que os científicos son humanos e o cambio é ás veces doloroso. Pero ocorre cada día. Non lembro a última vez que algo así pasou en política ou relixión."
- "Fixemos un traballo tan pésimo no que respecta a administrar o noso planeta que deberiamos ter moito coidado antes de tratar de administrar outros".
Publicado por Tamara Mangana Blanco para o Club de Lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense "Ai, Ptolomeo, tolo meu".

Ningún comentario:

Publicar un comentario