venres, 26 de novembro de 2010

La venganza de la Tierra de James Lovelock... por Sara Vázquez

O arrequecemento global, un tema moi usado estes últimos anos. Pero poida que chegue ás bocas de todos demasiado tarde. As desesperanzadas teorías de James Lovelock afírmano. Este, agora recoñecido científico, anunciaba fai décadas nosa rápida destrución da Terra coa hipótese Gaia, denominada así en honra á deusa da Terra. Esta teoría, tamén defendida por Lynn Margulis, postula que o noso planeta actúa como un organismo vivo, actuando no seu propio beneficio, auto regulando as súas condicións esenciais como a temperatura ou a súa composición química.
''A Terra é unha tía moi dura'' declara J. Lovelock “pero non aguanta o noso peso”.

O noso mundo está enfermo, e nós somos o virus que o está matando. Sen querelo, declarámoslle a guerra a Gaia. Así que, chegará un día en que ela se canse e opte por recuperarse cunha nova glaciación, como xa fixo antes.
Pero, como parar isto? Como curar a Gaia? O primeiro paso para arranxalo é recoñecer o problema. Temos que comprender a cuestión, sacar as conclusións correctas e despois facer algo respecto diso. Pero segundo os coñecedores no tema, cruzamos o punto de non retorno. Xa pulsamos o botón da catástrofe. O arrequecemento global, e en consecuencia o desxeo , é un dano irreversible. Aínda así, se reducísemos ao mínimo as emisións de CO2 poderiamos diminuír a subida de temperatura evitando así os estragos como a subida do nivel do mar ou a desaparición da vida mariña. Con todo non podemos apagar a nosa civilización baseada nos combustibles fósiles e no alto consumo de enerxía sen estrelarnos. E aínda crendo que iso fose posible a Terra tardaría mais de mil anos en recuperarse por completo.
Todo o egoísmo humano tratou de utilizar a Gaia no seu único e exclusivo beneficio. Explotándoa pensando na nosa comodidade e intereses. Por isto, agora ela ameázanos coa pena capital: a extinción. As probas chégannos dos observatorios de todo o mundo e fálannos dun cambio inminente no noso clima cara a outro que pode ser facilmente descrito como un inferno: tan quente, tan letal, que só un puñado dos miles de millóns que hoxe poboan o globo sobrevivirán. A pesar das nosas intencións deixamos o planeta feito un desastre. E ata agora, cando xa divisamos o final, seguimos falando de desenvolvemento sostible e enerxías renovables, coma se Gaia fose considerar esas pobres ofrendas como un sacrificio aceptable.


mércores, 10 de novembro de 2010

"Como descubrimos o petróleo" de Isaac Asimov... por Lois Anxo Cid.

Serendipia de ...Royston Roberts por Ínigo Isequilla.

SERENDIPIA ou descubrimientos accidentais da ciencia. O autor de este libro é Royston M. Roberts, falecido en 1996, natural de Austin, Texas, EUA. Estudou química (o que explica o seu grande interés polos descubrimentos propiamente químicos). Nada máis rematar a carreira estableceu o seu grupo de investigación. Durante toda a súa vida escribiu articulos, e algún que outro libro. Éste do que estamos a falar publicouno xa na súa época tardía, tras unha investigación que fixo sobre os descubrimentos que aparecen no libro, entrevistando incluso aos propios cientificos.
Neste libro o autor fala basicamente da gran cantidade de descubrimentos importantes que se realizaron por mera casualidade. O autor diferencia dous termos para a fortuna dos descubrimentos: a serendipia propiamente dita, que pode xurdir de estar probando un experimento, que algo non saia ben e tras investigar o que saiu “mal” se faga un descubrimento; e por outro lado está a pseudoserendipia, que consiste en que un cientifico este intentando atopar algo para a súa teoría, e o atopa con el de súpeto sen que ocorrese o que el quería. En resumo, grosso modo podería dicirse que a serendipia é pura sorte e a pseudoserendipia é unha sorte como recompensa a unha búsqueda de algo.
O seu obxectivo é o achegamento a nós dos feitos que deron como resultado avances importantísimos. Con este achegamento, o que nos está dicindo o autor é que sexamos persistentes nas nosas investigacións porque calquera día podemos chegar a unha conclusión que pode ser unha gran novidades para a humanidade.
Ao final do libro, faise unha relación a unha cita de Pascal que di: “As sementes do gran descubrimento están constantemente flotando arredor nosa, pero só botan raíces nas mentes ben preparadas para recibilas”. Esto nos vén a dicir que calquera non pode facer estos descubrimentos, senon que solo aqueles que estén preparados para afrontar os “inconvintes” da súa investigación; ou sexa que calquera “pringao” non sería capaz de facer un gran descubrimento, pois simplemente se ceñiría ao que el pensase, e non estaría aberto a novos resultados. Tamén se pode ver dende a perspectiva de Albert Szen't-Gygory: “O descubrimento consiste en ver o que todos viron e pensar o que nadie pensou”. En esencia é o mesmo, pero con outras palabras.
Este libro pareceume moi interesante xa que nel se describen descubrimentos importantísimos para a historia tales como a penicilina de Alexander Fleming ou o descubrimento da dinamita por parte de Alfred Nobel (e como se crearon os premios Nobel). Parece mentira como uns descubrimentos tan importantes tivesen lugar dun modo tan curioso. Pareceume un libro relacionado coa filosofía moi marcadamente, xa que en todos os descubrimentos, os científicos buscaron o porqué dos sucesos, a orixe, como faría calquera filósofo.

SEGUNDA EDICIÓN DO CLUB DE LECTURA

Trala exitosa experiencia do curso pasado, neste curso 2010-2011, volvemos a retomar a iniciativa dos clubs de lectura desde a asignatura "Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía". Nesta ocasión os alumnos-as participantes son en total 26, todos eles nesa asignatura de 2º de Bacharelato (dos grupos A, C, D, E): Cristopher Álvarez Martínez, Lucía Bayón Álvarez, Daniel Camba Lamas, Lois Anxo Cid García, Pablo Cid Iglesias, Gabriel Enrique da Aira Rodríguez, David Dios Salgado; Cristina Dorrego López, José Luis Fernández Taboada, Juan José González Iglesias, Adrián Grande Gómez, Íñigo Julián Isequilla Román, Borja Lorenzo Calviño, Noé Martínez Iglesias, José Manuel Nóvoa Iglesias, Lucía Eloísa Parada Casas, María Pena Méndez, Rubén Pérez Martínez, Víctor Rodríguez Corto, Óscar Rodríguez Domínguez, Anabel Rodríguez Rodríguez, Bruno Rodríguez Rodríguez, Jorge Rodríguez Sanmiguel, Yanira Sousa Iglesias, Lorena Torrano López, Sara Vázquez Martínez.
En canto ao profesorado que amosou xa no pasado curso seu interese e disposición para colaborar: Susana Iglesias Rivera (vicedirectora), Conchita Fernández Vázquez (coordenadora do Equipo de Normalización Lingüística), Mª Carmen Cid Manzano (profesora de Bioloxía), Elba Nieves Salgado (profesora de Inglés) e a incorporación de Marisa García Expósito (profesora de Matemáticas).

Queiran os ventos sernos propicios nesta nova singradura.

xoves, 15 de xullo de 2010

Mª Carmen, “garda e custodia” do saber de Gaia no noso Instituto durante moitos anos.

Entrevista que no mes de marzo realizaron dous membros moi activos do club de lectura (Raquel Losada e Pablo Romero) a Mª Carme, unha das dúas bibliotecarias do noso Instituto, que realizaron un magnifico labor durante anos, clasificando, catalogando, realizando empréstimos,...
Mª Carmen naceu o catorce de outubro de 1949 no concello de Porqueira (Ourense), onde aínda se conserva unha torre, único resto dun castelo e mosteiro medieval. Estudou o bacharelato no Otero Pedrayo, e despois Maxisterio. Tras unha serie de cursos, pasou a dar clases de educación cívico-social. Cando esta materia foi suprimida do plan de estudos, os profesores que a impartían pasaron a desenvolver tarefas de apoio e colaboración. Así chegou a encargarse da biblioteca. Como a biblioteca era antiga e importante, comezou a prepararse de xeito autodidacta: asesorándose coa directora da biblioteca pública, asistindo a cursos de formación,... O traballo na biblioteca esixe moitas horas, e a parte da súa función principal tamén serve ós alumnos de sala de lectura ou para acudir cando non teñen clase. Cando comezou a traballar na biblioteca, no ano 1981, non había ningún rexistro e tiveron que catalogar os libros manualmente. Había libros de moito valor, viñan moitos investigadores. O fondo antigo foise retirando en parte e gardándose nun lugar máis seguro. Mentres se desenvolvía esa tarefa atoparon o “De Revolutionibus orbium coelestium” de Copérnico, que pasou á caixa forte do instituto.
P: Que gratificacións e, ao mesmo tempo, que sinsabores ten o traballo de bibliotecaria?
R: É un traballo bonito, recompilas información das cousas, les os libros ó ter que clasificalos; o sinsabor é a falta de tempo, pero unha vez que dominas o sistema e o traballo avanza é gratificante porque ves que tes a disposición da comunidade os coñecementos que aquí se albergan.
P:  En que cambiou o seu traballo coa incorporación das novas tecnoloxías?
R: Cambiou algo porque hai que informatizar todo e a xente ten que adaptarse, pero non moito. O ficheiro a man aínda se conserva a pesar da informatización. O que si cambiou foi a relación do alumnado coa biblioteca. Agora traen os traballos programados. Antes pedíanche axuda para facer os traballos. Agora a bibliotecaria dedícase máis á parte técnica, antes era máis ameno.
P: Cre que o libro dixital desbancará ao impreso?
R: Non. Os dous teñen vantaxes e inconvenientes. Houbo moito susto nos inicios, pero non é para tanto. A min gústame máis o libro impreso, podes tomar notas, aínda que o outro abarata a edición. Complementaranse, pero o dixital non superará ó pracer de follear un libro.
P: Cales son os libros (ou de que tipo) os máis solicitados na biblioteca?
R: Os libros máis solicitados están relacionados coas materias. A biblioteca merca os libros que piden os profesores. Hai algún lector autónomo pero poucos. Gustan moito os libros de aventuras e os de terror.
P: Que libros cre vostede que todo o mundo debería ler na súa vida? Por que?
R: Considero que a lectura é moi particular e hai que ler o que a un lle gusta. Non son partidaria das clasificacións dos libros por idades porque un neno pode ser un gran lector e ler libros dun nivel superior ó seu. Hai algúns libros que todo o mundo debería ler coma o Quijote porque é dun xenio universal e é un libro marabilloso. Tamén os clásicos de aventuras coma o Principiño, ese neno que descobre o esencial que non se ve.
P: Pódenos dicir cales son as súas preferencias persoais sobre libros, autores, temas…?
R: Gústanme moito García Márquez, Saramago, Cortázar, Delibes… Non teño temas preferidos, gústame moito a narrativa psicolóxica, os ensaios…; pero les segundo como te sentes. Gústanme as novelas que describen países diferentes, as súas culturas…
P: Cre que a lectura dun libro pode “cambiar a vida" dunha persoa?
R: Indubidablemente é posible que a moitas persoas un libro lles cambiase a vida no sentido de que te orienta cara un camiño ou outro.
P: Que razóns lle daría a unha persoa “desmotivada” para que se animase, por fin, a ler?
R: Hai moitas razóns, é unha fonte de coñecementos, unha fonte de diversión importantísima, vives aventuras, coñeces países, multitude de cousas.
P: Cre que houbo algún cambio nestes últimos anos con respecto ao nivel ou aos tipos de lectura dos alumnos do instituto?
R: Noto que hai menos lectores autónomos pero iso non ten por qué significar que baixase o nivel porque nas clases trabállase máis a lectura e tamén hai máis capacidade para adquirir libros. Eu non teño datos así que non me atrevería a dicir que baixou o nivel, aínda que as novas tecnoloxías restan tempo de lectura.
Cun amplo e amable sorriso recibiunos, contestou ás nosas preguntas, amosounos as edicións máis salientables do Instituto. Cun amplo e amable sorriso despedíunos. Grazas, Mª Carme.