domingo, 7 de marzo de 2010

"Diccionario crítico de mitos e símbolos do nazismo" de Rosa Sala Rose ... por Raquel Losada

•AUTORA: Rosa Sala Rose (Barcelona 1969) é licenciada en filoloxía alemá e doutora en filoloxía románica. Como xermanista traduciu e comentou obras de Goethe e Thomas Mann. É unha estudosa do papel político e social dos mitos. Para curiosear sobre as súas inquedanzas intelectuais, visitade o seu blog, moi interesante.

•OBXECTIVO: O obxectivo deste libro é recompilar os símbolos e mitos que configuraron a cosmovisión nazi para intentar comprender en que consistiu.

•ARGUMENTO: O libro está estruturado en forma de dicionario, definindo alfabeticamente unha serie de termos referentes a símbolos e mitos empregados durante o nazismo. Así, se explica o significado que lles foron dando a símbolos como á aguia, ao lobo, aos fachos, á espada, ao sangue, ao lume… ou a mitos coma o da Atlántida, o Graal, os Nibelungos… ou á particular interpretación que fixeron da obra de autores coma Nietzsche, Goethe ou Wagner.

•CONCLUSIÓN: A conclusión é que a ideoloxía nazi é moito máis complexa do que parece, está composta por ideas moi diversas aínda que o fundamental é a supervivencia e supremacía da raza aria, o exterminio das razas inferiores e a loita pola patria.

•COMENTARIO PERSOAL: É un libro interesante porque descobres cousas novas que non sabías como que os nazis organizaron expedicións ó Tíbet, ós Andes ou a Montserrat; entendes como puido Hitler chegar ó poder e como era a mentalidade alemá da época. Todo o que pasou neses anos cambiou a historia e influíu fortemente en todo o mundo, por iso creo que é importante coñecer o que pasou, por qué pasou e cómo, para o que é necesario saber en qué se baseaba o pensamento dos causantes daquel horror.

•LE ESTE LIBRO…se queres saber algo máis sobre esa época convulsa e escura da historia recente que tanto marcou o mundo no que vivimos.

Publicado por Raquel Losada García para o Club de Lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense, "Ai, Ptolomeo, tolo meu".  

martes, 23 de febreiro de 2010

"Historia del tiempo" de Stephen Hawking ... por Daniel Carvajal Alonso

Non é preciso presentar a Stephen Hawking. Todo o mundo oíu falar ou viu por televisión a este famoso físico, cosmólogo e divulgador inglés que actualmente ten 68 anos. Temos unha imaxe mental del como un home en cadeira de rodas, que fala a través dun sintetizador de voz e que non pode mover case ningún músculo, por mor da esclerose que padece. Esta enfermidade foille diagnosticada con 21 anos, e dixéranlle que non viviría máis de 2 ou 3 anos, pero Hawking nunca abandonou as súas investigacións malia ese prognóstico, nin malia á súa enfermidade. Ata o ano pasado (no que se xubilou), ocupou a cátedra Lucasiana de Matemáticas da Universidade de Cambridge. Os seus importantes estudos sobre os  "buratos negros" no Universo e as súas teorías cosmolóxicas foron premiados en numerosas ocasións.
Como dato curioso, engadirei que en 1981, asistíu a unha conferencia no Vaticano sobre cosmoloxía organizada polos xesuítas, onde falou da posibilidade de que o espazo-tempo fose finito pero sen fronteiras (unha das súas teorías máis importantes, a do universo autocontido), o cal que excluiría a Creación. Xusto despois permitíuselle falar co Papa, que non asistira á conferencia, e que lle dixo que estaba ben que se estudase a evolución do universo despois do Big Bang, pero non que se estudase o Big Bang en si, pois era o momento da Creación (xusto do que estivera a falar!).
Hawking escribiu libros científicos como A estrutura a gran escala do espazo-tempo, Relatividade xeral: revisión no centenario de Einstein, 300 anos de gravidade... Pero os máis coñecidos son os de divulgacións, moito menos arduos e técnicos, como O universo nunha cáscara de noz, A clave secreta do universo (escrito xunto á súa filla), e o seu libro máis coñecido, Historia do tempo.
Neste último ofrece un rápido repaso polas concepcións do universo dende o comezo da humanidade ata a actualidade (pasando, por suposto, polo "noso amigo" Ptolomeo, que aínda que o seu modelo non fose acertado, foi o primeiro que permitía predicir as posicións dos astros no ceo), para logo internarse de cheo nas súas teorías, onde expón a relatividade do tempo para distintos observadores (de onde se extrae o famoso paradoxo dos xemelgos: “se un dos xemelgos fose de viaxe nunha nave espacial a unha velocidade próxima á da luz [...] ao regresar sería moito máis xove que o que se quedou na terra”), explica as singularidades do Big Bang e dos "buratos negros" (que, como el di, en realidade non son tan negros pois emiten radiacións), adéntrase na natureza do tempo, expón a súa teoría do universo autocontido (á que xa me referira) e remata fantasiando sobre unha teoría de unificación de tódalas demais teorías da física, á que se semella a Teoría de super-cordas que explica.
Este é sen dúbida un libro imprescindible para aqueles que busquen ampliar os seus coñecementos sobre o universo, non demasiado complicado nin demasiado básico, e ata con algunha que outra sutil nota humorística (imprescindible a súa explicación de por qué o noso mundo ten 3 e non 2 dimensións: “os animais [...] terían que trepar uns sobre outros para adiantarse”). Eu quédome coa súa explicación do principio antrópico: “Por que é o universo como o vemos? A resposta é sinxela: de ter sido diferente, nos non estariamos aquí!”.
Publicado por Daniel Carvajal Alonso para o Club de lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense, "Ai, Ptolomeo, tolo meu".

venres, 19 de febreiro de 2010

"La vida en nuestras manos" de Javier Sádaba... por Pablo Romero Vilarchao

[Grazas a esta estupenda páxina: http://www.roc21.com/blog/] La vida en nuestras manos (2001) é unha obra do escritor de Portugalete Javier Sádaba (1940), na que reflexiona, dende un punto de vista eminentemente positivo, acerca dos últimos avances en medicina, bioloxía e xenética. Aquí vos deixo a páxina de wikipedia sobre o autor, na que tamén poderedes atopar enlaces a entrevistas, conferencias e demais sobre el. Un vídeo e, finalmente, a súa páxina persoal.

• Obxectivo: A través deste ensaio (eu atreveríame a dicir de divulgación científica e de reflexión ética), o que pretende Sádaba é tratar de botar abaixo unha serie de prexuízos históricos relacionados coa ciencia en xeral, pero máis concretamente coa bioloxía e, en especial, coa xenética. Para isto, recorrerá a todo un caudal de información especializada, que non incomprensible, que sitúan a A vida nas nosas mans na máis rotunda actualidade.
• Ideas básicas: moito que salientar, por tratarse dunha obra sistemática:
― Os primeiros tres conceptos clave son saúde, biomedicina e bioética:
• a saúde é o suposto da boa vida, un ben básico equivalente á vida en canto tal. É tamén un modelo da moral, entendida a moral como felicidade, como capacidade para sacar proveito das nosas potencias.
• os primeiros filósofos eran médicos. A medicina trae consigo a saúde, a boa vida. De aí a importancia da biomedicina.
• a bioética entendida como superación dos límites históricos accidentais.
— A euxenesia enténdese como a manipulación duns seres humanos sobre outros, é dicir, é a negación da moralidade. Dous tipos de euxenesia: positiva (intenta mellorar aos individuos. Por exemplo, cando levamos todas as vacas a un mesmo boi) e negativa (intenta eliminar os defectos dos seres vivos. Foi o que fixeron os nazis). Neste sentido, a terapia xénica consiste en ir directamente aos xenes para eliminar aqueles que foran a causa dunha determinada enfermidade, sendo substituídos por outros sans. Hai tres importantes personaxes neste aspecto: Sloterdijk, Habermas e Tugendhat. Nunha das súas conferencias, Sloterdijk fixo referencia á palabra “domar”, que moitos, rememorando o non tan afastado pasado alemán, interpretaron como euxenesia, cousa que o afectado nega totalmente. Sádaba deféndeo en contra de Habermas, ao que critica duramente. Tugendhat é, segundo o propio autor, o filósofo moral máis progresista do momento, e un dos máis atinados á hora de fundamentar unha moral que poida resistir calquera reto.
— A bioloxía e a cultura están estreitamente relacionadas xa que, realmente, a cultura é comunicación. A comunicación sucédese de cerebro en cerebro. As neuronas e os procesos neuronais do cerebro están condicionados polos xenes, é dicir, pola estrutura de información que posuímos. Máis aínda, e isto é sumamente importante, os xenes prescriben certas regras de crecemento que rematarán xerando cultura. E polo tanto, Tugendhat non ten razón cando di que “non hai ningún xen para a moral”, por ser esta un subconxunto da cultura.
— O descubrimento da morte tivo como resultado o nacemento da relixión e a división de todo o existente en dúas zonas: a material e a espiritual. E isto hai que telo en conta cando falamos da posibilidade de inmortalidade do ser humano. Neste sentido, é posible quitarlle poder á morte para darllo á vida? A isto hai que responder dende tres planos:
• 1) sociolóxico: o problema da cada vez maior cantidade de xente vella. A xente maior é empregada como baza electoral, os políticos sempre tratan de seducilos. Sexa cal sexa a situación, as pensións sempre soben. Todo isto pode rematar por converterse nin círculo vicioso. Ademais, é existe unha forte necesidade de man de obra estranxeira, polo que temos que modificar os nosos hábitos para con outras comunidades etnicamente diferentes.
• 2) psicolóxico: unha parte de nós loita por aumentar a “estatura” temporal do corpo. Cada un de nós cremos ser alleos á morte e atribuímos a mortalidade aos demais. Pero isto non será posible debido á existencia da denominada apoptose (suicidio programado das células, impedindo deste xeito a eternidade do ser humano).
• 3) biolóxico-metafísico: existe unha polémica, unha loita entre bioloxía e metafísica. A polémica sinala a necesidade que temos de adaptar a nosa visión do mundo, e isto só será posible se combinamos, con habilidade e arte, os avances científicos.
— O embrión é un conxunto de células aptas para a reprodución. Os embrións que, por calquera motivo, se desperdician, son empregados para obter deles células nai, que poden ser manipuladas para obter tecidos ou órganos, permitindo así a reparación dos nosos desgastados corpos e a cura das nosas enfermidades.
— O aborto en determinadas condicións non é para nada inmoral e, polo tanto, non hai ningún impedimento para que poidamos utilizar os embrións procedentes de abortos con fins experimentais ou medicinais.
— Caída do mito tradicional do dogma da medicina segundo o cal as células do cerebro, unha vez perdidas, non se rexeneran. Non é certo, si que o fan.
— As emocións son fundamentais na relación entre cerebro e corazón. Isto lévanos a dous conceptos de importancia capital:
• a mente é o conxunto das capacidades psicolóxicas, especialmente a vontade e o entendemento. O mito da mente como realidade espiritual ou como realidade independente de nós é falso. Debate filosófico entre espiritualistas e materialistas. A mente corresponde tamén ao problema da conciencia, que é o exercicio das nosas capacidades emotivas, perceptivas e intelectuais en resposta aos estímulos que nos transmiten os sentidos. A autoconciencia está ligada á linguaxe.
• a liberdade. Se temos en conta aquilo que Freud denominou o inconsciente e a cantidade de cousas que suceden cada segundo no noso corpo, chegamos á conclusión de que non somos libres. Nembargantes, segundo Sádaba, nunca poderemos negar a liberdade. É máis, hai que reducir ao absurdo a quen a negue, porque quen a negue, estase negando a si mesmo.
— As emocións son expresivas, responden a unha reacción. A idea de reacción é fundamental. Porque as reaccións non se dominan. As emocións secundarias son os sentimentos, que se diferencian das emocións puras en que estes pódense expresar con palabras. Pódense controlar os sentimentos? Hai unha parte das emocións que nunca poderemos controlar por ser primarias. Pero a maior parte si está baixo o noso dominio. Por exemplo, o amor e a ira, por tratarse de sentimentos morais, poden ser incrementados ou diminuídos por nós.
— A eutanasia consiste en evitar a mordedura fatal da dor cunha morte segura e próxima. Pódese contemplar dende catro perspectivas:
• moral: a eutanasia é absolutamente compatible coa moral.
• legal: no Código Penal do Dereito español de 1995 castígase con penas que van dos seis aos oito anos a quen sexa favorable a exercitar a eutanasia.
• relixión: o catolicismo oponse radicalmente á eutanasia.
• medicina: son os expertos os que teñen que sinalar a situación do paciente e situarse ante un problema que, dunha forma ou doutra, lles afecta.
Condicións sen as cales non se pode falar nunca de eutanasia: 1) vontade libre do paciente para que se lle aplique a referida eutanasia, 2) irreversibilidade respecto á enfermidade que padece, e 3) situación penosa debido á correspondente enfermidade.
Pódense establecer tres clasificacións da eutanasia, segundo sexa voluntaria/involuntaria, activa/pasiva ou directa/indirecta. Está claro, segundo o autor, que só pode ser motivo de debate cando é voluntaria, activa e directa, é dicir, cando unha persoa que reúne todas as condicións especificadas anteriormente, decide que outra persoa lle axude a morre.
— Á moral compételle poñer no seu sitio á relixión e, polo tanto, debemos transformar as crenzas relixiosas en crenzas morais.
— O xornalismo ten que ser consciente da revolución biolóxica que estamos vivindo. Existe, xa que logo, a necesidade dunha divulgación científica e dun xornalismo de investigación acerca dos avances xenéticos para que o común dos mortais teña unha serie de nocións básicas fundamentais sobre os temas en cuestión. Os xornalistas non teñen que ser xenios, pero si han de buscar a excelencia.
— Un reducido número de coñecidos filósofos afirman que o ser humano só pode ser considerado como tal cando posúe conciencia, previsión de futuro e sabe que existe un “eu” que se estende no tempo. Neste sentido, non seriamos os reis da Creación, pois un bebé estaría ao mesmo nivel que un polo ou un can. Pero resulta que, segundo o autor, non teñen razón, porque do feito de que a humanidade como produto da evolución sexa equivalente ás demais especies, non se desprende que sexa algo plano, inerte.
• Conclusións: 1) temos que liberarnos de prexuízos tales como a falsa crenza e opinión que ten a xente acerca da clonación, provocada polo xornalismo sensacionalista e un sen fin de cinematografía fantástica moi afastada da realidade, 2) un dos males da nosa sociedade é o “ananismo” moral. A poboación vive con demasiados cabos sen atar, a moral da maioría está durmida, e 3) a necesidade e o papel da imaxinación nas nosas vidas.
• Comentario persoal: A verdade é que para ser licenciado en teoloxía (entre outras moitas cousas), Javier Sádaba ten unha visión bastante laica e librepensadora da realidade, chegando nalgúns momentos a criticar duramente ao mesmo Tomé de Aquino, base, sustento da teoloxía cristiá. É un ensaio claro, conciso e científico. Anímovos a lelo!
Algunhas citas de interese:
– “A moral consiste en boa parte na rebelión contra os xenes”, Darwin.
– “Conecto, logo existo”, S.J. Singer.
– “Vivo en California dende fai 25 anos, pero aínda teño que facer un esforzo para lembrar que aquí a ensinanza da teoría da evolución non é libre...Un gran sector da poboación aínda aprende historia a partir dunha interpretación literal da Biblia...Para moitos estadounidenses, o mundo foi creado no ano 4004 antes de Cristo”, Cavalli-Sforza.
– “Vivimos nunha sociedade que só mellorará se se producen cambios políticos relevantes”, o autor.
– “O progreso, ben entendido, é a vitoria da risa sobre o dogma”, o autor.

Publicado por Pablo Romero para o Club de Lectura do I.E.S. Otero Pedrayo de Ourense "Ai, Ptolomeo, tolo meu".

luns, 25 de xaneiro de 2010

"Pasiones, piojos, dioses...y matemáticas" de Antonio Durán... por Raquel Losada

•AUTOR: Antonio J. Durán (Cabra, Córdoba, 1962) é catedrático de Análise Matemático na Universidade de Sevilla. Entre as súas obras científicas e divulgativas atópanse edicións sobre Arquimedes, Newton ou Euler, o volume colectivo La ciencia y el “Quijote”  (2005) e Vida de los números (Premio ao Libro de Divulgación Mellor Editado en 2006). Como escritor de ficción publicou as novelas La luna de nisán (2002) e La piel del olvido (2007).
•OBXECTIVO: Pasiones, piojos, dioses...y matemáticas é un libro sobre matemáticas, pero tamén é un libro sobre a condición humana. O que o autor busca con este libro non é ensinar matemáticas, o seu obxectivo principal é que, a través delas, o lector saiba máis da condición humana, que aprenda cousas sobre si mesmo. En palabras do autor: “o que espero e desexo é que ó finalizar a lectura deste libro aprenderas tanto de matemáticas como da humanidade que as creou e as fixo como son”.
•ARGUMENTO: O libro está dividido en catro capítulos e un epílogo en cada un dos cales trata un tema diferente, todos eles relacionados coas matemáticas, pero tamén cos matemáticos, coa época na que viviron, a súa vida e a sociedade na que desenvolveron o seu traballo. Fala ademais de físicos, filósofos e científicos de tódalas épocas, dende a Antiga Grecia con Pitágoras, Platón ou Arquímedes ata o século XX con científicos coma Enrico Fermi ou Albert Einstein, pasando polos séculos XVI e XVII onde destacan Johannes Kepler ou Tycho Brahe. Os temas tratados son a definición de matemáticas, a irracional eficacia das matemáticas (á que dedica dous capítulos), o infinito e a inmortalidade.
•CONCLUSIÓN: A conclusión á que se chega trala lectura deste libro é que os matemáticos non buscan premios, diñeiro ou recoñecemento por parte dos seus compañeiros; senón que buscan a “inmortalidade” dos seus teoremas e, unida a esta, a súa propia.
•COMENTARIO PERSOAL: Primeiro, algunhas citas: a) “Nin o poder nin a riqueza persisten, só a arte e a ciencia” (Epitafio de Tycho Brahe, astrónomo danés do século XVI); b) “Lembrarase a Arquímedes aínda cando Esquilo sexa esquecido, pois as linguaxes perecen mentres que as ideas matemáticas non morren nunca” (Godfrey Harold Hardy, matemático inglés de comezos do século XX); c) “A esencia das matemáticas é a liberdade” (Georg Cantor, matemático alemán de finais do século XIX).
Agora, a recomendación: LE ESTE LIBRO PORQUE...é un libro moi interesante. Se che gustan as matemáticas gustarache descubrir cousas novas sobre elas, para que serven, que problemas hai aínda sen resolver e coñecer aos grandes matemáticos; e se as matemáticas non son o teu non te preocupes, porque aprenderás algo delas pero sobre todo da xente que as fixo, da súa época, dos acontecementos que marcaron as súas vidas e tamén aprenderás un pouco de historia, de mitoloxía, de filosofía...

Publicado por Raquel Losada para o Club de lectura "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES Otero Pedrayo de Ourense.

martes, 19 de xaneiro de 2010

"Sobre a inmortalidade da alma" de David Hume ... por Pablo Romero Vilarchao


En "Sobre a inmortalidade da alma", breve ensaio do filósofo escocés David Hume, contido na súa obra Sobre o suicidio e outros ensaios, reduce a inmortalidade da alma a mero obxecto da fe a través de tres razoamentos: moral, metafísico e físico. Segundo Hume, cando é absolutamente imposible saber nada seguro sobre algo (coma neste caso), non se pode recorrer a Deus, que de feito “debería estar ausente de toda filosofía”.

Publicado por Pablo Romero Vilarchao para o Club de lectura "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES "Otero Pedrayo" de Ourense.

"Diálogos sobre a Relixión Natural" de David Hume ... por Pablo Romero Vilarchao



Diálogos sobre a relixión natural (1779) é un ensaio do filósofo escocés David Hume, publicado despois da súa morte, en 1776, para evitar conflitos en vida cos fanáticos relixiosos.
• Obxectivo: A obra é un diálogo de principio a fin acerca do problema da relixión natural e das complicacións que del se derivan, no que interveñen tres personaxes: Demea (que representa o misticismo, o puro fideísmo, próximo ao fanatismo relixioso e á crenza inxustificada), Cleantes (cunha postura intermedia -quizais a palabra que mellor o defina sexa "antropomorfista"-, defensor da relixión como unha crenza natural e racionalemente defendible) e Filón (escéptico, crítico). En calquera caso, a maior parte da obra é un debate, unha discusión entre Cleantes e Filón, pois as intervencións de Demea parecen fóra de lugar, quen - escandalizado ante o modo de argumentación libre de prexuízos no que se trata o problema da existencia e natureza da divindade- decide abandonar o coloquio xa cerca do final. Hume recupera o diálogo para esta obra, por consideralo o medio máis adecuado para comentar asunto tan escabroso e así presentar diversas posturas e solapar algunhas das súas máis transgresoras opinións ou perspectivas.
• Ideas básicas: Un dos puntos máis importantes da obra é a exposición por parte de Cleantes do "argumento do designio", segundo o cal o mundo é unha gran máquina subdividida á súa vez nun infinito número de máquinas máis pequenas, axustadas entre si cunha extraordinaria precisión. Por analoxía, os efectos son similares ás causas e, polo tanto, o Autor da natureza é similar ao ser humano, só que con facultades moito máis amplas e grandiosas. Por este argumento a posteriori, e só por el, podemos probar a un mesmo tempo a existencia dunha Deidade e a súa semellanza coa mente e a intelixencia humanas. Hai unha intención, un designio na creación. Este argumento escandaliza a Demea, para quen Deus é incomprensible, inexplicable, de forma que en ningún caso a razón humana se pode achegar a el. Tamén é rexeitado por Filón a partir do argumento da experiencia, xa que, segundo o modelo de Cleantes, Deus non podería ser infinito nin perfecto.
Filón enuncia unha nova hipótese segundo a cal o mundo é un inmenso animal do que Deus sería a súa alma, pero Cleantes non o acepta, pois del se desprende que o mundo é eterno e, polo tanto, non habería creación.
Despois de todo o anterior, é dicir, de intentar demostrar a existencia de Deus mediante esa argumentación  a posteriori, Demea propón un argumento a priori, o de sempre: que Deus é a causa primeira, creador..., é dicir, Deus existe porque si. Pero, primeiro Cleantes e despois Filón, presentan graves e numerosas obxeccións na súa contra. Conclusión: rexeitamento do argumento a priori.
Posto que para Cleantes, as calidades e atributos da Deidade se asemellan ás calidades e atributos dos seres humanos, preséntase agora un grave conflito: despois de que Demea fale da miseria humana, da infelicidade..., Filón está de acordo con el e conclúen que a vida humana está marcada polo medo, o sufrimento, as enfermidades, a dor...Entón todo isto rompe os esquemas de Cleantes, porque, en que sentido entón se asemellan a benevolencia e a misericordia humanas á benevolencia e misericordia da Deidade? Xa que, se Deus e os seres humanos teñen exactamente as mesmas calidades, quere Deus previr o mal, pero non pode? Entón é impotente. Pode pero non quere? Entón é malévolo. Pode e quere? Entón, de onde sae o mal? Cleantes nega absolutamente a miseria e maldade humanas, porque di que hai máis felicidade que infelicidade, máis pracer que dor...Isto é rexeitado de plano por Filón, que defende que o mal existe por catro razóns: 1) porque todas as criaturas viventes están deseñadas para experimentar a dor, 2)porque o mundo non foi administrado por vontades particulares; 3) porque os animais non foron dotados dun maior arsenal de poderes dos que a estrita necesidade require; e 4) porque os diversos recortes e principios do universo non foron modelados de forma que conserven sempre a xusta medida e temperanza.
Segundo Filón, é posible formular catro hipóteses relativas ás primeiras causas do universo: 1) que están dotadas de bondade prefecta, ou 2) que gozan de perfecta malicia, ou 3) que son opostas e teñen ao mesmo tempo bondade e malicia, ou 4) que non posúen bondade nin malicia. Para el, esta cuarta hipótese é con moito a máis probable. Despois destes argumentos, Demea abandona a conversa.
Finalmente, a obra remata cunha discusión entre Filón e Cleantes acerca dos límites da relixión natural, da corrupción, do debate entre ateos e teístas e cunha defensa do escepticismo por parte de Filón.
• Conclusión: A obra en si, con todos os argumentos que se expoñen, rexeitan e debaten, amosa un pouco por onde pode estar situado o pensamento, a ideoloxía do propio Hume, quen coloca na boca de Cleantes as seguintes palabras: “o oficio propio da relixión é regular o corazón do ser humano, humanizar a súa conduta, infundirlle o espírito da temperanza, orde e obediencia”.
• Comentario persoal: Xa expuxen a miña opinión sobre Hume neste mesmo apartado do anterior traballo sobre Historia natural das relixións. Soamente engadir a claridade de ideas e a rotundidade coa que o filósofo escocés trata o tema en cuestión, e recomendar a tod@s @s interesad@s que se animen a lelo.

Publicado por Pablo Romero Vilarchao para o Club de lectura "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES "Otero Pedrayo" de Ourense.



sábado, 16 de xaneiro de 2010

"Ángeles y demonios" de Dan Brown... por Merche Carballo

Resume: Robert Langdon descobre a proba da reaparición dunha antiga hermandade secreta coñecida como os Illuminati: a máis poderosa organización secreta da historia, e é agora cando decide vingarse la súa histórica inimiga: a Igrexa Católica (a cal durante centos de anos perseguíu ós chamados iluminados e asasinounos).
Cando Langdon se entera de que os Illuminati esconderon na Cidade lo Vaticano a arma máis perigosa que pode existir (no libro,é creada antes no CERN, a chamada antimateria ou partícula de Deus) e que a vai acabar coa Igrexa;diríxese a Roma e coa axuda da científica italiana Vittoria Vetra, comeza unha viaxe a contrareloxo a través de tumbas selladas durante séculos,catacumbas,catedrales e igrexas secretas...onde,ó longo de centos de anos os Illuminati foron deixando pistas para chegar á chamada Igrexa da Iluminación.
Ó mesmo tempo o asasino vai matando ós catro preferiti para ser elexidos Papa e marcaos con ferros que teñen grabados os catro elementos (ambigramas): Terra (Earth); Aire (Air) e Lume (Fire); Auga (Water). Langdon persegue ó asasino para intentar salvas ós cardenales mentres a garda suíza e a policía tratan de atopar a antimateria dentro do Vaticano.Consegue salvar a algún dos cardenais? Cal será o futuro do Vaticano?

Este libro foi levado ao cinema: Anxos e Demos foi estreada nos Estados Unidos e en España o 15 de maio de 2009. O director, Ron Howard (quen tamén dirixíu o filme O Código da Vinci, baseado na novela e primeiro best-seller de Dan Brown), estreou a esperada película en maio de 2009, a cal tivo un enorme éxito. Malia a estar baseada na novela homónima do ano 2000 do fantástico autor Dan Brown,  no filme,os sucesos ocorren de maneira algo distinta ó libro.
a) No libro, Robert Langdon (Tom Hanks) é chamado polo CERN, mentres que na película é chamado polo Vaticano.
b) No libro, o científico que morre no CERN é o pai de Vittoria Vetra (Ayelet Zurer), na película é un compañeiro de investigación.
c) No filme Langdon rescata ao cardeal Baggia na fonte do catro ríos (4º altar da ciencia); na novela o cardeal morre afogado e o asenino cre afogar a Langdon tamén, tras pelear con el na fonte.
d) Na novela, O Camarlengo (Ewan McGregor) suicídase queimándose no balcón papal ao ver que todos os cardeais déronse conta da súa traizón á Igrexa e tamén por que descobre que o seu pai era o Papa que asasinou. Na película, cando se ve acurralado pola Garda Suíza toma unha vela e inmólase a si mesmo dentro da Igrexa.
e) No filme Vittoria queda no Vaticano co camarlengo, mentres que na novela acompaña a Langdon ao terceiro altar da ciencia, onde é secuestrada polo asasino e levada á igrexa de iluminación Castelo Sant'Angelo.
f) No filme, o asasino (hassasin, Nikolaj Lie Kaas) morre nunha explosión ao subir a un coche, mentres que na novela, Vittoria e Langdon tírano dun balcón no castelo Sant´Angelo.
g) No filme, o novo camarlengo regálalle a Langdon o libro escrito por Galileo, mentres que na novela, o agasallo é o diamante dos Illuminati obsequiado polo novo Papa.
h) A última marca no libro é o Diamante dos illuminatti, o cal está composto polas palabras dos 4 elementos. Na película, son chaves cruzadas mediante a cal logran decifrar a ubicacion da antimateria.
E moitas máis diferenzas entre o filme e o libro pero é recomendable que a vexades e que leades o libro, xa que son distintos en moitos espectos.

Opinión persoal: É unha fantástica novela que lle recomendo a todo o mundo que lle guste a a Arte,a Historia,os monumentos,o suspense... Non só nos mantén intrigados ata o final da obra senón que,na miña opinión, Dan Brown é un excellente escritor e encantame...porque, o "malo" sempre é quen menos o esperas e só se descubre ó final,revelando datos que se che pasan a unha primeira lectura.
É unha historia de conspiración e alta traición mesmo dentro do Vaticano (como se amosa co asasinato do Papa polo seu axudante,o camarlengo;tamén é el o que quere quedar como un heroe e contrata á hassasin para que secuestre ós preferiti...).
A pesar das diferenzas entre o libro e o filme non sabería escoller entre un ou o outro xa que cada un amósanos diferentes modos de entender a novela. Por exemplo, o libro gústame porque fala máis de Arte e da Historia dos Illuminati, mentres que no filme, o último cardeal, Baggia, é salvado por Langdon e na novela morre. Pero é unha gran obra e recoméndolla a todo o mundo.

Dan Brown: Escritor estadounidense nacido o 22 de xuño de 1964 en Exeter, New Hampshire. Licenciado na Universidade de Amherst, exerceu a docencia do inglés ata que decidiu dedicarse profesionalmente á literatura, non sen antes desenvolver durante algún tempo labores de músico e cantante de pop melódico.
Estas, xunto con outras das súas novelas como Dixital Fortress (A fortaleza dixital, 1998) ou Deception Point (A conspiración, 2001) tiveron un éxito relativo, pero o seu cuarto traballo, The Da Vinci Code (O código Da Vinci, 2003) converteuse rapidamente nun fenómeno de masas, vendendo máis de sesenta millóns de copias en todo o mundo e converténdose nun dos libros máis lidos e influentes dos últimos anos. A popularidade de Brown por mor deste título catapultou ao éxito o resto dos seus traballos, que foron profusamente reeditados e traducidos a ducias de idiomas, especialmente Anxos e Demos e O símbolo perdido.

Publicado por Merche Carballo para o Club de lectura "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES Otero Pedrayo de Ourense.