Amosando publicacións coa etiqueta Raquel Losada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Raquel Losada. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de xullo de 2010

Mª Carmen, “garda e custodia” do saber de Gaia no noso Instituto durante moitos anos.

Entrevista que no mes de marzo realizaron dous membros moi activos do club de lectura (Raquel Losada e Pablo Romero) a Mª Carme, unha das dúas bibliotecarias do noso Instituto, que realizaron un magnifico labor durante anos, clasificando, catalogando, realizando empréstimos,...
Mª Carmen naceu o catorce de outubro de 1949 no concello de Porqueira (Ourense), onde aínda se conserva unha torre, único resto dun castelo e mosteiro medieval. Estudou o bacharelato no Otero Pedrayo, e despois Maxisterio. Tras unha serie de cursos, pasou a dar clases de educación cívico-social. Cando esta materia foi suprimida do plan de estudos, os profesores que a impartían pasaron a desenvolver tarefas de apoio e colaboración. Así chegou a encargarse da biblioteca. Como a biblioteca era antiga e importante, comezou a prepararse de xeito autodidacta: asesorándose coa directora da biblioteca pública, asistindo a cursos de formación,... O traballo na biblioteca esixe moitas horas, e a parte da súa función principal tamén serve ós alumnos de sala de lectura ou para acudir cando non teñen clase. Cando comezou a traballar na biblioteca, no ano 1981, non había ningún rexistro e tiveron que catalogar os libros manualmente. Había libros de moito valor, viñan moitos investigadores. O fondo antigo foise retirando en parte e gardándose nun lugar máis seguro. Mentres se desenvolvía esa tarefa atoparon o “De Revolutionibus orbium coelestium” de Copérnico, que pasou á caixa forte do instituto.
P: Que gratificacións e, ao mesmo tempo, que sinsabores ten o traballo de bibliotecaria?
R: É un traballo bonito, recompilas información das cousas, les os libros ó ter que clasificalos; o sinsabor é a falta de tempo, pero unha vez que dominas o sistema e o traballo avanza é gratificante porque ves que tes a disposición da comunidade os coñecementos que aquí se albergan.
P:  En que cambiou o seu traballo coa incorporación das novas tecnoloxías?
R: Cambiou algo porque hai que informatizar todo e a xente ten que adaptarse, pero non moito. O ficheiro a man aínda se conserva a pesar da informatización. O que si cambiou foi a relación do alumnado coa biblioteca. Agora traen os traballos programados. Antes pedíanche axuda para facer os traballos. Agora a bibliotecaria dedícase máis á parte técnica, antes era máis ameno.
P: Cre que o libro dixital desbancará ao impreso?
R: Non. Os dous teñen vantaxes e inconvenientes. Houbo moito susto nos inicios, pero non é para tanto. A min gústame máis o libro impreso, podes tomar notas, aínda que o outro abarata a edición. Complementaranse, pero o dixital non superará ó pracer de follear un libro.
P: Cales son os libros (ou de que tipo) os máis solicitados na biblioteca?
R: Os libros máis solicitados están relacionados coas materias. A biblioteca merca os libros que piden os profesores. Hai algún lector autónomo pero poucos. Gustan moito os libros de aventuras e os de terror.
P: Que libros cre vostede que todo o mundo debería ler na súa vida? Por que?
R: Considero que a lectura é moi particular e hai que ler o que a un lle gusta. Non son partidaria das clasificacións dos libros por idades porque un neno pode ser un gran lector e ler libros dun nivel superior ó seu. Hai algúns libros que todo o mundo debería ler coma o Quijote porque é dun xenio universal e é un libro marabilloso. Tamén os clásicos de aventuras coma o Principiño, ese neno que descobre o esencial que non se ve.
P: Pódenos dicir cales son as súas preferencias persoais sobre libros, autores, temas…?
R: Gústanme moito García Márquez, Saramago, Cortázar, Delibes… Non teño temas preferidos, gústame moito a narrativa psicolóxica, os ensaios…; pero les segundo como te sentes. Gústanme as novelas que describen países diferentes, as súas culturas…
P: Cre que a lectura dun libro pode “cambiar a vida" dunha persoa?
R: Indubidablemente é posible que a moitas persoas un libro lles cambiase a vida no sentido de que te orienta cara un camiño ou outro.
P: Que razóns lle daría a unha persoa “desmotivada” para que se animase, por fin, a ler?
R: Hai moitas razóns, é unha fonte de coñecementos, unha fonte de diversión importantísima, vives aventuras, coñeces países, multitude de cousas.
P: Cre que houbo algún cambio nestes últimos anos con respecto ao nivel ou aos tipos de lectura dos alumnos do instituto?
R: Noto que hai menos lectores autónomos pero iso non ten por qué significar que baixase o nivel porque nas clases trabállase máis a lectura e tamén hai máis capacidade para adquirir libros. Eu non teño datos así que non me atrevería a dicir que baixou o nivel, aínda que as novas tecnoloxías restan tempo de lectura.
Cun amplo e amable sorriso recibiunos, contestou ás nosas preguntas, amosounos as edicións máis salientables do Instituto. Cun amplo e amable sorriso despedíunos. Grazas, Mª Carme.

martes, 15 de xuño de 2010

Os que a coñecemos, sabemos que temos a honra de estar nunha biblioteca “de luxo”.

Estas son as "xoias" na nosa biblioteca... 
Como non aprezar a lectura estando nunha biblioteca tan rexia e magnífica? (Anque non lle viría mal unha man de pintura e cambiar algo o mobiliario,...). Nela gárdanse edicións do De Revolutionibus de Copérnico ou dos mapas do Reino de Galicia de Domingo Fontán. Como non marabillarse, extasiarse, ante tal "delicatessen" bibliográfica, verdadeiro tesouro do pensamento científico-creativo da humanidade?
Na entrevista que realizaron Raquel e Pablo, Mª Carme ofreceulles ver algunhas das “xoias da biblioteca”.  A composición fotográfica é de Luchi Girola.
A xoia da coroa fundamental é o libro de Copérnico. Pero ademais hai outros libros moi singulares. Temos unha "Clasificación sistemática do Reino Animal" que se usaba no seminario de ciencias para as clases. O libro, escrito por Achille Conte, está en francés, data de 1840 e foi editado en París. Destaca pola precisión de contidos, calidade de gráficos e polo seu tamaño, de grandes dimensións.
Destacan tamén "Flora Española o historia de las plantas que se crían en España" de Joseph Quer, publicada en Madrid en 1764. Sigue un método alfabético e contén gravados. Gardamos tamén unhas "Láminas de Geometría descriptiva" de J. Adhèmar (París, 1853); láminas de Física de Mr. Brisson (Madrid, 1802); e como verdadeira curisosidade "De Febris epidemicae..." Bvrgis, 1574.
Tamén temos a "Carta xeográfica de Domingo Fontán", a primeira cartografía de Galicia de 1845. Está en folios que unidos forman un gran mapa que se pode observar na casa museo de Otero Pedrayo en Trasalba. Á parte, "Nueva Geografía Universal" de Jean Jacques Reclus (Madrid, 1888), na que se presenta unha nova forma de estudo dos pobos e das xentes; ou unha "Historia General de los Viages" (París, 1750), relato minucioso dos países e das súas xentes recollendo a cultura, flora, etc.
En canto ás publicacións galegas, existen facsímiles das coleccións "Nós", "A Nosa Terra" e "Guieiro"; "Revista do Centro Galego de Montevideo" e "Revista do Centro Galego da Habana", como expresión da difusión cultural e literaria galega de comezos do século XX.
Destacan tamén edicións especiais de obras literarias tales como as "Sonatas" de Valle-Inclán (Barcelona, MCMVII); "Isolación" de Emilia Pardo Bazán (Barcelona, 1889); unha "Obra Completa" de Rubén Darío (Madrid, 1916); ou unha edición do "Quijote", ilustrada por Doré.
Entre as publicacións de profesores ou alumnos que foron do Instituto: a "Gramática Galega" de Saco e Arce (2ª ed, Ourense, 1967); os "Elementos de Metodología de la Historia" de Vicente Risco (A Coruña, 1928), as "Pelerinaxes" de Otero Pedrayo (A Coruña, 1929).

"DE REVOLUTIONIBUS" EN OURENSE.
Mención á parte (na visita á biblioteca) merece a historia de cómo se atopou unha segunda edición do “De Revolutionibus orbium coelestium” no noso Instituto.
Cóntanos Mª Carme: “Cando se estaban clasificando os libros atopouse e depositouse na caixa forte do instituto polo seu gran valor. En 1999 o historiador ourensán Justo Carnicero tivo noticia da súa existencia e comezou a facer publicidade e a facer un estudio a nivel de España para saber os exemplares que había desa edición. O exemplar que gardamos é unha segunda edición editada en 1566 en Basilea; a primeira edición fora editada en Nuremberg o ano da morte de Copérnico, 1543. A segunda edición foi editada por un discípulo do autor que escribiu o preámbulo da obra. O libro foi xerado a comezos de 1500 pero Copérnico era remiso a publicar as súas teorías por medo ás críticas e ó rexeitamento científico. De feito en 1616 prohibiuse a súa difusión e foi incluído nas listas de libros prohibidos. Justo Carnicero comprobou que había tres exemplares en Salamanca, dous en Madrid, un en Sevilla e o de Ourense, e deduciu que este libro probablemente viñese da universidade de Salamanca, o único centro no que se permitía a súa lectura parcial. Debeu chegar da man dun presbítero que estudara alí. Dende que se lle deu publicidade á existencia da obra, chegou a noticia ata a Universidade de Harvard, onde un profesor fixo un catálogo desa edición no que de momento hai uns trescentos exemplares. É unha vantaxe porque se o libro desaparece pódese atopar polo catálogo”.

martes, 11 de maio de 2010

"Os celtas: artistas e bardos" de Andrew Brown ... por Raquel Losada

 O obxectivo do libro é mostrarnos ós celtas dende outra perspectiva, non dende a perspectiva de guerreiros bárbaros á que estamos acostumados, senón coma os artistas que eran, tanto no ámbito da escultura coma no da ourivería ou a música.
O libro explica quen eran os celtas e céntrase na súa arte, a súa arquitectura e na figura dos bardos, moi importantes porque eran os encargados de transmitir a súa historia, xa que os celtas non escribían salvo en raras ocasións. 
A conclusión? Os celtas eran grandes artistas, capaces de facer auténticas marabillas en tódolos ámbitos artísticos.
Desde o meu punto de vista, o libro móstranos a outra cara dos celtas, a súa sensibilidade artística. Móstranos obras de refinada ourivería coma os torques, escudos, espadas ou mesmo caldeiros adornados con auténticas filigranas. Tamén nos mostra as súas obras arquitectónicas, o castelo de Tintagel, onde se di que naceu o rei Arturo ou construcións coma Stonehenge.
Outro tema que trata é o dos bardos, transmisores da cultura e a historia celta (os celtas non escribían e as súas lendas pasaban duns bardos a outros de forma oral). Nos lugares celtas máis remotos aínda continúa habendo persoas que contan as vellas historias celtas. Finalmente, a partir do século XIX todo o relacionado co mundo celta rexurdiu de mans dos románticos, que vían no mundo celta un xeito de escapar da súa realidade. Hoxe en día hai moitos músicos, sobre todo en Irlanda ou Bretaña, que recuperaron a música celta e interpretan cancións tradicionais das súas respectivas nacións.
LE ESTE LIBRO SE… che interesa a arte celta, se es dos que levan un trisquel colgando do pescozo, se che gustan dolmens, castros, se es fan de Astérix…
Publicado por Raquel Losada García para o Club de Lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense, "Ai, Ptolomeo, tolo meu".

xoves, 29 de abril de 2010

"O país da brétema. Unha viaxe no tempo pola cultura celta" de Suso de Toro... por Raquel Losada.

Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) é escritor. Entre as súas obras máis destacadas encóntranse Polaroid (1986) -premio da Crítica de Galicia-, Land Rover (1988), Tic-Tac (1993) -premio da Crítica Española-, Conta saldada (1996) ou Calzados Lola (1997) -Premio “Blanco Amor” de novela. Publicou, ademais, reportaxes, artigos e ensaios. Recentemente anunciou a súa retirada da escritura profesional para dedicarse á docencia.
O obxectivo do libro é achegarnos ó mundo celta e ás lendas e costumes para que non se perdan no esquecemento. O autor afirma que se atopou con dous corvos que lle contaron toda a historia dos celtas, das sucesivas conquistas, dos heroes, dos deuses… A partir desa "licenza literaria", Suso de Toro quere facernos ver que dos celtas sempre se saberá moi pouco pero que ten máis que ver coas crenzas, cos sentimentos e cos estados de ánimo. Afirma que poderiamos aprender moito dos celtas, xenerosos, valentes, con honor e cun profundo amor pola vida.
Como ben indica o subtítulo o libro é unha viaxe no tempo pola cultura celta, polas súas lendas. É unha mostra moi interesante de cómo era aquel pobo e como vivía. Conta as lendas irlandesas e as versións que delas se fixeron, como a que di que os celtas de Irlanda foron dende Galicia despois de que Ith a albiscara dende a torre de Brigantia. Ademais tamén fala do celtismo en Galicia resaltando a figura de Eduardo Pondal, un dos máis fieis defensores da “nazón de Breogán”.
LE ESTE LIBRO… se che interesa o mundo dos celtas, das civilizacións míticas de tempos pasados envoltas nun halo de misterio debido ó gran descoñecemento que temos delas. Le este libro se queres saber algo máis dese pobo que deixou a súa pegada por toda Europa e tamén en Galicia. É un libro moi interesante que te sorprenderá coas historias de heroes e as súas fazañas.
Publicado por Raquel Losada García para o Club de Lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense, "Ai, Ptolomeo, tolo meu".

domingo, 7 de marzo de 2010

"Diccionario crítico de mitos e símbolos do nazismo" de Rosa Sala Rose ... por Raquel Losada

•AUTORA: Rosa Sala Rose (Barcelona 1969) é licenciada en filoloxía alemá e doutora en filoloxía románica. Como xermanista traduciu e comentou obras de Goethe e Thomas Mann. É unha estudosa do papel político e social dos mitos. Para curiosear sobre as súas inquedanzas intelectuais, visitade o seu blog, moi interesante.

•OBXECTIVO: O obxectivo deste libro é recompilar os símbolos e mitos que configuraron a cosmovisión nazi para intentar comprender en que consistiu.

•ARGUMENTO: O libro está estruturado en forma de dicionario, definindo alfabeticamente unha serie de termos referentes a símbolos e mitos empregados durante o nazismo. Así, se explica o significado que lles foron dando a símbolos como á aguia, ao lobo, aos fachos, á espada, ao sangue, ao lume… ou a mitos coma o da Atlántida, o Graal, os Nibelungos… ou á particular interpretación que fixeron da obra de autores coma Nietzsche, Goethe ou Wagner.

•CONCLUSIÓN: A conclusión é que a ideoloxía nazi é moito máis complexa do que parece, está composta por ideas moi diversas aínda que o fundamental é a supervivencia e supremacía da raza aria, o exterminio das razas inferiores e a loita pola patria.

•COMENTARIO PERSOAL: É un libro interesante porque descobres cousas novas que non sabías como que os nazis organizaron expedicións ó Tíbet, ós Andes ou a Montserrat; entendes como puido Hitler chegar ó poder e como era a mentalidade alemá da época. Todo o que pasou neses anos cambiou a historia e influíu fortemente en todo o mundo, por iso creo que é importante coñecer o que pasou, por qué pasou e cómo, para o que é necesario saber en qué se baseaba o pensamento dos causantes daquel horror.

•LE ESTE LIBRO…se queres saber algo máis sobre esa época convulsa e escura da historia recente que tanto marcou o mundo no que vivimos.

Publicado por Raquel Losada García para o Club de Lectura do IES Otero Pedrayo de Ourense, "Ai, Ptolomeo, tolo meu".  

luns, 25 de xaneiro de 2010

"Pasiones, piojos, dioses...y matemáticas" de Antonio Durán... por Raquel Losada

•AUTOR: Antonio J. Durán (Cabra, Córdoba, 1962) é catedrático de Análise Matemático na Universidade de Sevilla. Entre as súas obras científicas e divulgativas atópanse edicións sobre Arquimedes, Newton ou Euler, o volume colectivo La ciencia y el “Quijote”  (2005) e Vida de los números (Premio ao Libro de Divulgación Mellor Editado en 2006). Como escritor de ficción publicou as novelas La luna de nisán (2002) e La piel del olvido (2007).
•OBXECTIVO: Pasiones, piojos, dioses...y matemáticas é un libro sobre matemáticas, pero tamén é un libro sobre a condición humana. O que o autor busca con este libro non é ensinar matemáticas, o seu obxectivo principal é que, a través delas, o lector saiba máis da condición humana, que aprenda cousas sobre si mesmo. En palabras do autor: “o que espero e desexo é que ó finalizar a lectura deste libro aprenderas tanto de matemáticas como da humanidade que as creou e as fixo como son”.
•ARGUMENTO: O libro está dividido en catro capítulos e un epílogo en cada un dos cales trata un tema diferente, todos eles relacionados coas matemáticas, pero tamén cos matemáticos, coa época na que viviron, a súa vida e a sociedade na que desenvolveron o seu traballo. Fala ademais de físicos, filósofos e científicos de tódalas épocas, dende a Antiga Grecia con Pitágoras, Platón ou Arquímedes ata o século XX con científicos coma Enrico Fermi ou Albert Einstein, pasando polos séculos XVI e XVII onde destacan Johannes Kepler ou Tycho Brahe. Os temas tratados son a definición de matemáticas, a irracional eficacia das matemáticas (á que dedica dous capítulos), o infinito e a inmortalidade.
•CONCLUSIÓN: A conclusión á que se chega trala lectura deste libro é que os matemáticos non buscan premios, diñeiro ou recoñecemento por parte dos seus compañeiros; senón que buscan a “inmortalidade” dos seus teoremas e, unida a esta, a súa propia.
•COMENTARIO PERSOAL: Primeiro, algunhas citas: a) “Nin o poder nin a riqueza persisten, só a arte e a ciencia” (Epitafio de Tycho Brahe, astrónomo danés do século XVI); b) “Lembrarase a Arquímedes aínda cando Esquilo sexa esquecido, pois as linguaxes perecen mentres que as ideas matemáticas non morren nunca” (Godfrey Harold Hardy, matemático inglés de comezos do século XX); c) “A esencia das matemáticas é a liberdade” (Georg Cantor, matemático alemán de finais do século XIX).
Agora, a recomendación: LE ESTE LIBRO PORQUE...é un libro moi interesante. Se che gustan as matemáticas gustarache descubrir cousas novas sobre elas, para que serven, que problemas hai aínda sen resolver e coñecer aos grandes matemáticos; e se as matemáticas non son o teu non te preocupes, porque aprenderás algo delas pero sobre todo da xente que as fixo, da súa época, dos acontecementos que marcaron as súas vidas e tamén aprenderás un pouco de historia, de mitoloxía, de filosofía...

Publicado por Raquel Losada para o Club de lectura "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES Otero Pedrayo de Ourense.