Amosando publicacións coa etiqueta David Hume. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta David Hume. Amosar todas as publicacións

martes, 19 de xaneiro de 2010

"Sobre a inmortalidade da alma" de David Hume ... por Pablo Romero Vilarchao


En "Sobre a inmortalidade da alma", breve ensaio do filósofo escocés David Hume, contido na súa obra Sobre o suicidio e outros ensaios, reduce a inmortalidade da alma a mero obxecto da fe a través de tres razoamentos: moral, metafísico e físico. Segundo Hume, cando é absolutamente imposible saber nada seguro sobre algo (coma neste caso), non se pode recorrer a Deus, que de feito “debería estar ausente de toda filosofía”.

Publicado por Pablo Romero Vilarchao para o Club de lectura "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES "Otero Pedrayo" de Ourense.

"Diálogos sobre a Relixión Natural" de David Hume ... por Pablo Romero Vilarchao



Diálogos sobre a relixión natural (1779) é un ensaio do filósofo escocés David Hume, publicado despois da súa morte, en 1776, para evitar conflitos en vida cos fanáticos relixiosos.
• Obxectivo: A obra é un diálogo de principio a fin acerca do problema da relixión natural e das complicacións que del se derivan, no que interveñen tres personaxes: Demea (que representa o misticismo, o puro fideísmo, próximo ao fanatismo relixioso e á crenza inxustificada), Cleantes (cunha postura intermedia -quizais a palabra que mellor o defina sexa "antropomorfista"-, defensor da relixión como unha crenza natural e racionalemente defendible) e Filón (escéptico, crítico). En calquera caso, a maior parte da obra é un debate, unha discusión entre Cleantes e Filón, pois as intervencións de Demea parecen fóra de lugar, quen - escandalizado ante o modo de argumentación libre de prexuízos no que se trata o problema da existencia e natureza da divindade- decide abandonar o coloquio xa cerca do final. Hume recupera o diálogo para esta obra, por consideralo o medio máis adecuado para comentar asunto tan escabroso e así presentar diversas posturas e solapar algunhas das súas máis transgresoras opinións ou perspectivas.
• Ideas básicas: Un dos puntos máis importantes da obra é a exposición por parte de Cleantes do "argumento do designio", segundo o cal o mundo é unha gran máquina subdividida á súa vez nun infinito número de máquinas máis pequenas, axustadas entre si cunha extraordinaria precisión. Por analoxía, os efectos son similares ás causas e, polo tanto, o Autor da natureza é similar ao ser humano, só que con facultades moito máis amplas e grandiosas. Por este argumento a posteriori, e só por el, podemos probar a un mesmo tempo a existencia dunha Deidade e a súa semellanza coa mente e a intelixencia humanas. Hai unha intención, un designio na creación. Este argumento escandaliza a Demea, para quen Deus é incomprensible, inexplicable, de forma que en ningún caso a razón humana se pode achegar a el. Tamén é rexeitado por Filón a partir do argumento da experiencia, xa que, segundo o modelo de Cleantes, Deus non podería ser infinito nin perfecto.
Filón enuncia unha nova hipótese segundo a cal o mundo é un inmenso animal do que Deus sería a súa alma, pero Cleantes non o acepta, pois del se desprende que o mundo é eterno e, polo tanto, non habería creación.
Despois de todo o anterior, é dicir, de intentar demostrar a existencia de Deus mediante esa argumentación  a posteriori, Demea propón un argumento a priori, o de sempre: que Deus é a causa primeira, creador..., é dicir, Deus existe porque si. Pero, primeiro Cleantes e despois Filón, presentan graves e numerosas obxeccións na súa contra. Conclusión: rexeitamento do argumento a priori.
Posto que para Cleantes, as calidades e atributos da Deidade se asemellan ás calidades e atributos dos seres humanos, preséntase agora un grave conflito: despois de que Demea fale da miseria humana, da infelicidade..., Filón está de acordo con el e conclúen que a vida humana está marcada polo medo, o sufrimento, as enfermidades, a dor...Entón todo isto rompe os esquemas de Cleantes, porque, en que sentido entón se asemellan a benevolencia e a misericordia humanas á benevolencia e misericordia da Deidade? Xa que, se Deus e os seres humanos teñen exactamente as mesmas calidades, quere Deus previr o mal, pero non pode? Entón é impotente. Pode pero non quere? Entón é malévolo. Pode e quere? Entón, de onde sae o mal? Cleantes nega absolutamente a miseria e maldade humanas, porque di que hai máis felicidade que infelicidade, máis pracer que dor...Isto é rexeitado de plano por Filón, que defende que o mal existe por catro razóns: 1) porque todas as criaturas viventes están deseñadas para experimentar a dor, 2)porque o mundo non foi administrado por vontades particulares; 3) porque os animais non foron dotados dun maior arsenal de poderes dos que a estrita necesidade require; e 4) porque os diversos recortes e principios do universo non foron modelados de forma que conserven sempre a xusta medida e temperanza.
Segundo Filón, é posible formular catro hipóteses relativas ás primeiras causas do universo: 1) que están dotadas de bondade prefecta, ou 2) que gozan de perfecta malicia, ou 3) que son opostas e teñen ao mesmo tempo bondade e malicia, ou 4) que non posúen bondade nin malicia. Para el, esta cuarta hipótese é con moito a máis probable. Despois destes argumentos, Demea abandona a conversa.
Finalmente, a obra remata cunha discusión entre Filón e Cleantes acerca dos límites da relixión natural, da corrupción, do debate entre ateos e teístas e cunha defensa do escepticismo por parte de Filón.
• Conclusión: A obra en si, con todos os argumentos que se expoñen, rexeitan e debaten, amosa un pouco por onde pode estar situado o pensamento, a ideoloxía do propio Hume, quen coloca na boca de Cleantes as seguintes palabras: “o oficio propio da relixión é regular o corazón do ser humano, humanizar a súa conduta, infundirlle o espírito da temperanza, orde e obediencia”.
• Comentario persoal: Xa expuxen a miña opinión sobre Hume neste mesmo apartado do anterior traballo sobre Historia natural das relixións. Soamente engadir a claridade de ideas e a rotundidade coa que o filósofo escocés trata o tema en cuestión, e recomendar a tod@s @s interesad@s que se animen a lelo.

Publicado por Pablo Romero Vilarchao para o Club de lectura "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES "Otero Pedrayo" de Ourense.



martes, 12 de xaneiro de 2010

"Historia Natural de las Religiones" de David Hume... por Pablo Romero Vilarchao

Historia natural de las religiones (1757) é un ensaio do filósofo escocés David Hume (1711-1776), no que reflexiona acerca da orixe natural e do desenvolvemento primixenio das relixións na historia da humanidade. Aquí vos deixo a páxina web de wikipedia, na que ademais da súa biografía, filosofía, obras...poderedes atopar numerosos enlaces en inglés, que por outra banda, non nos vén nada mal para potenciar o coñecemento de idiomas e do que era o plan orixinal da materia. Tamén outra páxina, en galego, por certo, na que temos textos, exercicios, curiosidades, etc. E por último, dous vídeos: o primeiro, realizado por alumnos coma nós de 2º de bacharelato, e o segundo, en galego.
• Obxectivo: o que pretende Hume é demostrar que en ningún caso o teísmo é a relixión primaria da humanidade, senón o politeísmo. As primeiras ideas de relixión xurdiron a partir dunha preocupación polos sucesos da vida cotiá e das incesantes esperanzas e temores que afectan á alma humana. Estes ollos inquedos e asombrados foron os que albiscaron as “primeiras, escuras trazas de divindade”.
• Ideas básicas: o espírito relixioso é incompatible coa personalidade de Hume, que non se limitou a pensar que a relixión sexa de dubidosa validez, senón que máis ben é un grave erro de “maligna influencia no xénero humano”. Distingue dous tipos de relixión: 1) actividade cuxa misión é reformar a vida das persoas, purificar os seus corazóns, reforzar toda obriga moral e asegurar a obediencia ás leis; e 2) como superstición e fanatismo. Así, para Hume, a relixión fracasou na súa misión esencial, ao non ter sido capaz de constituírse en fundamento moral. Como consecuencia, Historia natural de las religiones resulta ser unha defensa dos deberes morais fronte ao fanatismo doutrinario.
Por outra banda, critica duramente ao politeísmo, aos presocráticos e á escolástica. Ao politeísmo porque detrás destas grandes obras da natureza coas que estamos familiarizados, hai un só autor, “soberano e intelixente”. Aos presocráticos porque eran absolutamente ateos, xa que atribuían a orixe do mundo a forzas da natureza (auga, lume, aire...). Os primeiros teístas foron Anaxágoras e Sócrates, e precisamente por isto foron considerados impíos e incrédulos. Tamén se opón radicalmente a Homero, Hesíodo e ás súas alegorías, pois estaban “totalmente equivocados”. Á escolástica porque “toda teoloxía ten unha especie de apetito por todo o que é absurdo e contraditorio: ha de provocarse o asombro a toda costa, ha de fabricarse o misterio...”. As acusacións de herexía sempre recaerán sobre aqueles que defenden os principios da razón.

Outro aspecto no que afonda o autor escocés é na ignorancia, para el “causa de toda devoción”, e a través da cal foron atribuídas calidades humanas á divindade. Canto máis irracional e difícil de crer é unha doutrina relixiosa, máis facilmente atopa o apoio do pobo, que se ofende cando as súas crenzas son cuestionadas. Os nosos temores naturais preséntannos a noción dunha deidade diabólica e maliciosa, pero a nosa propensión á adulación lévanos a crer nun ser excelente e divino. “Atrocidade” e “capricho” constitúen o carácter dominante da divindade nas relixións populares, e son fomentadas polos sacerdotes. Os principios relixiosos que prevaleceron no mundo non son máis que “soños de enfermo”, fantasías.
• Conclusión: a postura de Hume ante a relixión é descaradamente atea, escéptica e non crente (con relación ao establecido durante a época que lle tocou vivir). Para el, os principios nos que se basea o politeísmo son absurdos, pero a pesar de todo, este ten a virtude de recoñecer nos deuses doutras nacións unha parte de divindade. Aínda que defende o teísmo, este ten como inconveniente os vicios e prexuízos da humanidade ademais de que, cando a filosofía se ve desprazada pola teoloxía, chega a ser unha especie de serva desta. Todo isto lévano a afirmar: “a intolerancia de todas as relixións que manteñen a unicidade de Deus é tan notable coma o principio de tolerancia dos politeístas”.
• Comentario persoal: foi un reto para min enfrontarme a un ensaio dun deses autores que pasaron a formar parte da historia da filosofía a partir do desenvolvemento do seu intelecto, sobre todo porque nun primeiro momento cheguei a pensar que ía ser unha obra aburrida ou que non ía entender nada. Pero unha vez máis, equivocábame. Hai que sinalar que Hume fixo un grande esforzo para que a súa obra fose de fácil comprensión, clara, concisa e que todo o mundo pode ler. Moitas son as curiosidades que se desprenden de Historia natural, como cando chega a afirmar que “a Virxe María, despois da Reforma, pasou de ser unha boa muller a usurpar moitos atributos que son propios do mesmo Deus”, que “o asasinato ilegal dun home a mans dun tirano é máis grave que a morte de mil por causa dunha peste ou mal que afecte a todos”, ou que “a máis absurda das relixións é aquela na que os fieis comen á súa divindade despois de tela creado”. Cada unha destas tres afirmacións é unha frecha dirixida á Igrexa Cristiá Católica de Roma, e nelas lembra a manipulación de costumes e conceptos relixiosos que supuxeron as Reformas, acórdase da barbarie da Inquisición e búrlase dos ritos e dogmas litúrxicos. Vamos, que non ten desperdicio!

Publicado por Pablo Romero Vilarchao para o Club de lectura: "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES Otero Pedrayo de Ourense.